Xosé Muíño, de 91 anos, presenta hoxe na confraría de pescadores de Cedeira o seu libro de memorias
21 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O Sabino. Baixo ese seudónimo se esconde un alma de poeta, curtida, coma as súas mans, pola terra e o mar. Xosé Muíño García, de 91 anos, conta a súa historia e a do seu pobo, Cedeira, nun libro, Lembranza dunha vida pasada. Un poeta labrego e mariñeiro, que hoxe presenta no salón de actos da confraría de pescadores. Onte, nunha cafetería da vila, O Sabino, acompañado polo seu amigo Leopoldo Rubido, ex alcalde cedeirés, explicaba que o seu único interese é contarlle ós novos cómo era a vella Cedeira. A súa memoria mantense intacta. -¿Cómo é que un home de mar se decide a escribir un libro casi de memorias? -Sempre me gustou ler e escribir, e sígoo facendo aínda hoxe. Agora me adico a pasear e dúas horas, polo menos, as paso escribindo. Alomenos, mentras o fago non penso en tonterías. -E ¿como era esa Cedeira que vostede recorda? -Pois está aí, nas páxinas do libro... Pero, vaia, nacín na terra das meigas, en Santalla. Había moita xente con creenzas supersticiosas. -¿Vostede tamén o é? -Nunca crín en meigallos nin nesas cousas. Se existisen estaríamos todos?mortos. -Fíxose labrego, mariñeiro, ¿e qué máis? -Os meus pais foron labregos. Á volta da Guerra Civil (O Sabino combatiu en Valencia e Asturias) casei e tiven os fillos. No 48 nos viñemos para o barrio do Floreal (na vila) e fíxenme mariñeiro. Eu ía ó mar e a miña muller traballaba a terra. _Sendo de Cedeira parece lóxico que se fixera mariñeiro. ¿É tan duro? -Os percebeiros corren case tantos riscos como os toreiros. Algunha vez me levou o mar, pero vin cómo morrían tres compañeiros... -Agora, a pasear e ler. ¿Cales son os seus autores favoritos? -Rosalía de Castro e Curros Enríquez. Con eles empecei a ler poesía. O cronista oficial da vila de Cedeira, Rafael Usero, presenta hoxe, a partires das sete e media da tarde, o libro de Xosé Muíño García. Lembranza dunha vida pasada. Un poeta labrego e mariñeiro empezouse a xestar en 1995, cando o autor lle propuxo o proxecto editorial ó alcalde daquela, Leopoldo Rubido. O agora concellal do PP explicou que no ano 1999 a Fundación Villabrille consignou 3.000 euros para publica-lo traballo. Pero chegou o cambio de goberno na corporación, e o proxecto tivo que esperar. Ata o de agora. Finalmente é a Diputación Provincial de A Coruña a que edita a obra. O Sabino garda cincuenta folios de poesía que lle gustaría publicar. Mentras, non deixa de crear.