Xurxo Pena (BNG), concelleiro de Educación e Mocidade Castelao atende a Arafat dende o despacho de Xurxo Pena. Son dous dos carteis que adornan o posto de traballo do edil máis novo do grupo de goberno. Dez anos levaba traballando na política de base, pero a oportunidade chegou en 1999, cunha elección sorpresa que lle fixo pasar dos estadios deportivos -a súa profesión- as aulas e o contacto directo cos rapaces de Ferrol. A Concellería de Mocidade foi unha aposta do BNG na que el intenta sentar unhas bases: «Estou orgulloso de que o Bloque fixera este traballo».
28 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A creación dunha nova concellería adicada ó traballo cos mozos foi unha iniciativa que incluso felicitou a oposición. -¿Como se empeza a traballar nun novo departamento? -Intentamos dende o principio dar servicio ós novos e atender a súas necesidades. Empezamos de xeito prudente porque non sabiamos como ía reaccionar a mocidade. Pero respostou. -¿Podería facer máis? -Sempre, porque a sociedade cambia. -¿Que pasou en educación? -Temos unhas competencias moi limitadas en materia educativa, pero fixemos modificacións en centros e adaptamos servicios, como pasou coa dotación de comedores. Agora temos un periodo de semidescanso, pero hai que preparar o novo curso. -¿O traballo paga a pena? -Si. Ainda que a política local é pouco gratificante, porque a xente non ve o que fas, creo que valora os cambios. Estes foron anos prolíficos e demostran a seriedade deste goberno. -¿Tamen a nivel personal? ¿Como para repetir? -Eu creo no nacionalismo e no BNG. Ainda que somos novos chegamos sabendo que lle debíamos algo ós electores. Estamos facendo un traballo que para min é un orgullo. Pero isto é un grupo e haberá que agardar á presentación de candidaturas. Estou disposto a acatar o que se determine sobre a miña situación. -¿Pero lle gusta a política? -Para min é unha etapa, porque non creo na política profesional. É só un paso da túa vida. Cando se profesionaliza, a xente colle vicios. Pero o importante non é que estea eu ou non, senon que quede unha semente. -¿E queda? -Seguro. Veña quen veña, e da cor política que sexa non vai poder obviar este traballo. -¿Que pensaba que era a política local e que é realmente? -Non é para nada como esperaba. Para min é un traballo constante: pos un obxectivo, cumpres o logo tes que seguir. Non hai descanso e é duro. Pero teño que agradecer a colaboración de compañeiros e funcionarios. -Acusou inexperiencia. -Si. Durante un ano enteiro non sabía que facer. Tiña ideas, pero hai que facelas efectivas mediante un proceso determinado. -Especializado en deporte, ¿prefería ese departamento? -En política tes que adaptarte e pasa con outros compañeiros. -Pero foi unha sorpresa entrar no goberno. -Para todos. Agora temos grandes posibilidades en Ferrol e pensamos que foi por este traballo.