Carme Parada, (BNG) concelleira de Sanidade, Muller e Mercados Foi unha das sorpresas que deparou a noite do 13 de xuño de 1999. Agora, tres anos despois da súa elección, Carme Parada dá outra: «Probablemente non siga en política». Prefire a profesión ó Concello, ainda que gardará moi bos recordos desta etapa. É a primeira edil de Muller de Ferrol, un departamento de nova creación «que non é un adorno» e que asumiu xunto ós de Sanidade ou Mercados. Recoñece que dentro de doce meses haberá proxectos ainda por facer, pero fai un balance en positivo.
24 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Carme Parada traballa como médico, unha profesión que prefire á política e que lle fixo rexeitar a dedicación exclusiva. Centrou o seu labor, principalmente, nas áreas de Muller e Mercados, «con moito esforzo», e coa intención de sentar unhas bases. -Nova na política. ¿O traballo é como pensaba? -Sabía que era algo ingrato, pero teño a conciencia tranquila porque fixen una xestión transparente e honrada. A xente pode decir que tiñamos que facer máis, pero o BNG non puido desenvolver a súa idea de goberno por estar en coalición. -Naquel xuño de hai tres anos ¿imaxinou estar agora como concelleira? -Cando entrei na lista non pensei que puidese resultar unha das elexidas e foi unha sorpresa. Entón pensamos no partido que se poderían facer máis cousas, pero a burocracia ralentizou moito as iniciativas. Ademais, non puidemos facer a política do BNG por estar en coalición. -¿Onde estará nun ano? -É difícil que siga aquí dentro de doce meses, pero estaría moi satisfeita se a persoa que entra ten unhas bases coas que seguir este traballo. -Entón, a concelleira do seu despacho será outra. -Igual si, e axudarei a quen chegue, como os compañeiros me axudaron a min. Non teño dedicación exclusiva e non lle puiden prestar todo o tempo que era necesario a esta concellaría. -¿Seguirá en política? -Probablemente non. -Se non está nas vindeiras eleccións, ¿como cre que lle recordará a cidadanía? -Creo que non me ven moito, pero debería disculparme por non adicarlle a esta concellería todo o tempo que precisa. Polo menos, os criterios fundamentais están xa establecidos. -¿Debería haber máis mulleres en política? -Sen dúbida. Temos tanta ou máis capacidade que os homes, pero temos o tempo moi xusto para outras cousas, culpa tamén da educación. -¿Que recordo lle quedará? -O dunha experiencia moi boa. O traballo é positivo, como o tratos cos compañeiros e coa cidadanía. Sempre loitei por todo, de o colexio dos meus nenos.