Unha resposta equilibrada

X. F. Leiceaga TRIBUNA

ESPAÑA

O desafío independentista dunha parte substancial da sociedade e os partidos políticos cataláns non debe ter premio. Pero si unha resposta eficaz, equilibrada e seria por parte do Estado. Esta resposta debe incorporar unha dimensión financeira sen quedar só neste ámbito: sería necesaria tamén unha reforma da Constitución que avance no recoñecemento da diversidade que existe en España mantendo os elementos de igualdade e cohesión que caracterizan o actual modelo. Neste contexto, deixar de atender as demandas sensatas da sociedade catalá non só é un erro político. Tamén é tirar pedras contra o tellado propio, porque reduciría o ritmo de crecemento do conxunto de España. O que debe garantir o goberno de Rajoy é que os intereses doutros territorios, e singularmente Galicia, non se vexan afectados. Que o remate do AVE ou a conexión ao corredor atlántico de mercadorías sexa unha realidade en prazos razoables. Que o modelo de solidariedade interrexional que permitiu un maior equilibrio no crecemento e o benestar nos últimos lustros non sexa alterado para premiar unha visión egoísta. Eses son os límites.