Real igualdade diante da lei: unha ilusión

ESPAÑA

Non creo que a infanta Cristina sexa igual que nós diante da lei por moito que se repita a ladaíña. O primeiro en dicilo foi seu pai El-Rei e despois repetiuno todo o mundo: Cayo Lara, Rubalcaba, o presidente do Goberno, opinadores e por suposto os avogados defensores como argumento táctico da defensa. Tamén a opinión pública e publicada é unánime nese argumento e mesmo os xornais estranxeiros destacan a declaración da infanta en sede xudicial como proba de que «a xustiza é igual para todos» en España. Pero esa idea choca coa experiencia histórica e coa máis íntima percepción popular de que «a lei non é igual para todos». A procura da igualdade diante da lei é un esforzo hercúleo do máis precoz liberalismo e do primeiro igualitarismo dende moito antes da Revolución francesa de 1789.

A razón pola que a infanta está incursa nun proceso é porque ninguén preveu necesidade de lexislar a inviolabilidade de todos os membros da Casa Real e darlles un foro especial. Ninguén imaxinaba en 1978, cando o seu avogado -Miquel Roca- redactaba a Constitución, que a vida «normal» dunha infanta a levara a comportarse como a tantos no tempo da especulación e do diñeiro. Nin que por iso un xuíz a imputase nun proceso por malversación, fraude, branqueo e outros delitos. Nin que tivese que achegarse a un xulgado a declarar. Que isto suceda amosa o que mudan os tempos aínda que non muden as persoas. Isto é historia. Hai outra razón para que unha infanta entrara nun xulgado: un xuíz profesional e pertinaz.

Non somos iguais diante da lei. Non podemos ser iguais diante da lei, monarquía mediante, precisamente porque a monarquía anula por si mesma a igualdade diante da lei. Este é un meridiano principio republicano e por iso a República foi a forma histórica de goberno no liberalismo para evidenciar esa igualdade. O que acontece aquí é que nin o xuíz nin a sociedade aceptan a desigualdade xurídica dunha Coroa que está a xogarse a súa lexitimidade. O resto é espellismo, ilusión ou truco.