«A Galicia medieval existiu como unha identidade nacional propia»

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

ESPAÑA

Oscar Vazquez

O medievalista vigués mantén a teoría de que a nosa comunidade tivo un papel político preponderante nos séculos centrais da idade media

18 ago 2012 . Actualizado a las 12:36 h.

Apaixonado pola historia, Anselmo López Carreira mestura no seu traballo a docencia, a investigación e a divulgación da Idade Media galega. Dende hai tempo, a través de varios libros que foron ben recibidos polo público, mantén unha loita pola reivindicación da existencia do Reino medieval de Galicia.

-Camilo Nogueira vén de publicar un libro onde camiña pola mesma senda que vostede. ¿Sinte que aumentan os respaldos á súa teoría?

-Moi pouco. Camilo Nogueira xa deixou ver a súa visión do proceso histórico galego hai moito tempo, pero no mundo dos historiadores isto non acaba de crear unha masa crítica.

-¿É o medievo a época máis escura na nosa historiografía?

-É a cara oculta da historia galega e iso que é cando Galicia ten unha forte presenza histórica. Coñecemos os castros, a romanización, a época moderna e a contemporánea. O gran problema é a Galicia medieval. Existiu como unha entidade nacional propia e logo desaparece da historia. Hai que ter en conta que a historia das nacións actuais europeas nace na Idade Media, é cando empezamos a falar de franceses, casteláns e italianos. A configuración da Europa actual, sobre a que logo se constitúen os estados liberais, é unha historia de nacións que se configuran entón. Eu vexo a Galicia do Códice Calixtino e é Galicia, nos describen como os galegos de hoxe.

«Non había reino de Asturias, nin de León, era o reino de Galicia, herdeiro de Gallaecia»

-¿Por que se dilúe esa historia?

-O Estado español, que nace no século XIX, vai buscar os seus alicerces; e aí xurde un conflito coa historia de Galicia. O Estado español quere afundir as súas raíces na monarquía visigoda, pero, claro, alí tamén están os suevos. Tamén nos séculos do VIII en adiante hai un Reino de Galicia e choca co que recoñeceu a historia de España como o reino de Asturias e León. E din que o Reino de Galicia é unha parte marxinal do Reino de Asturias e por iso se abandonou a historia de Galicia. Pero non, é o primeiro reino da Europa occidental. Non se fala diso porque entra en conflito cunha historia que se nos quere contar que vai encamiñada a xustificar como nación o que realmente é un estado.

-Vostede fala de contradicións entre esa marxinalidade e diferentes feitos importantes.

-Aquí, nun momento determinado, constrúese o edificio máis grande da Europa occidental, que é a catedral de Santiago. Ao mesmo tempo, ou pouco despois, florece unha literatura escrita nun idioma de aquí, da Gallaecia. E se nos di que é un territorio marxinal. Estes parámetros fan inexplicable a historia de calquera lugar do mundo. A explicación é ben coherente e hai que sacar á luz o que era Galicia na Idade Media, pois era o Reino de Galicia. Non había reino de Asturias, era o reino de Galicia, e cando se fala de reino de León estase falando da capital do reino, pero se imos as fontes se poderá ver que o territorio definíase como Galicia, non a de hoxe en día senón o territorio herdeiro da provincia romana de Gallaecia ou do reino suevo.

-¿O romanticismo galego ten algunha culpa?

-En Galicia estamos sempre tecendo de día e destecendo de noite. O manto empezouse a tecer no seu momento. Cando aparece en Europa a historia científica tamén aparece a historia de Galicia. A mediados do XIX temos historiadores moi sólidos coma Murguía, Viceto, López Ferreiro. Así que chegamos puntualmente a iso, pero a crise finisecular crea un ambiente moi recentralizador ou reespañolizador. Eles morren e o que fixeron desaparece. Hai que esperar a década dos vinte coa xeración Nós e o Seminario de Estudios Galegos para volver ao traballo, pero a sublevación militar do 36 paraliza outra vez todo.

«Non se pode falar dunha historia nacionalista, nin de dereitas, nin de esquerdas»

-Vostede é un investigador que afirma ser moi fiel aos documentos. ¿Na interpretación deles cabe a presenza da ideoloxía?

-Onde entra a ideoloxía é no obxecto que ti escolles para historiar. O que non se pode é manipular. Non se pode falar dunha historia nacionalista, nin de dereitas, nin de esquerdas.