«O estranxeiro», primeira novela de Albert Camus, é filosofía de cine en branco e negro
26 may 2026 . Actualizado a las 18:10 h.Ante as grandes catástrofes do mundo e as pequeneces de cada persoa no mundiño particular é tentador acomodarse nesa célebre cita de Sartre que di: «O inferno son os outros». Son uns e outros non, tal como pican ou non segundo cal os pementos de Padrón. Pero antes de queimarnos nese inferno no que é case imposible separarnos dos demais é interesante volver, sen temor ás preguntas, sen violencias e emocións mocalleiras, á filosofía dun inimigo íntimo do autor de El ser y la nada, Albert Camus (Mondovi, Arxelia, 1913- Villeblevin, Francia, 1960).
Hoxe é preciso dubidar, tremer con Camus, ver a forza e o poder íntimo do seu pensamento en branco e negro, moito máis que dicir unha e outra vez en bucle o mesmo sobre Trump porque é o que queda ben e xa está. Ler e ver a Camus no filme que fixo sobre O estranxeiro un dos directores que máis incomodan polo de facernos pensar saíndo dos nosos marquiños mentais, François Ozon, fai resoar hoxe a frase central da novela. Esa frase de terror sae varias veces tamén na película de Ozon: «He matado a un árabe». Un exemplo que dá conta do sintacticamente correcta que pode ser a violencia verbal. A frase de O estranxeiro é tan literal que non hai máis que dicir.
Meursault, o protagonista de O estranxeiro (Filmin), vai a xuízo por matar, pero é condenado non por iso, senón polo «crime» de non sentir. Ou, máis ben, por non participar do teatro sentimental que toca no loito pola nai. Pero senten os demais? En O estranxeiro, os demais actúan cumprindo cada cal o seu papel nese inferno, sen enfrontar a verdade. Non o fan mal. A eles a verdade é o que lles dá igual. É Meursault o único fóra de xogo por non mentir. Hai unha rebeldía criminal na súa postura, que só parece posible mudar con amor, coa verdade do amor fronte á tribo social.
Camus dixo que a gran desgraza da vida era non amar. Meursault semella capaz. Pero desa posibilidade natural do amor o afastan a inercia do seu mundo e os intereses e mentiras dos demais. A esa posibilidade de amar aferrámonos mirando os seus ollos (os do actor que o interpreta na peli de Ozon, Benjamin Voisin) cando ven a Marie (Rebecca Marder). Meursault cambia con Marie. Marie é o sol, un baño efémero, un espellismo de día de praia, para Meursault, o autómata ao que todo lle dá igual. Por que? Co filme de Ozon talvez se pode entender algo máis. Nesa apatía aniñan como verme a violencia covarde e trapalleira dos demais, o alzhéimer e a morte da nai, a fría realidade funcionarial, o feito de ser estranxeiro no Arxel colonial pero tamén en si mesmo... Para sentir a forza do «non» rebelde ao que nos invita Camus fronte á inxustiza e a mentira hai que atreverse a entrar na obra mestra de Ozon.