Periodismo en la escuela: aprender sobre escolas unitarias no instituto
ESCUELA
Os alumnos de 4.º de ESO do IES Plurilingüe Eusebio da Garda centraron a súa reportaxe no colexio rural agrupado de Culleredo, para falar do pasado e do futuro deste modelo
10 mar 2026 . Actualizado a las 21:56 h.Do instituto á escola. Os alumnos de 4.º de ESO do IES Plurilingüe Eusebio da Garda escolleron a realidade do colexio rural agrupado (CRA) de Culleredo, que reúne as escolas da Choeira, de Sésamo, de Ledoño e de Vinseira, e céntrase na educación infantil.
Fixérono, segundo a súa profesora de Ámbito Lingüístico e Social, Dulce Fernández Graña, porque este ano colaboraron, entre varios departamentos, nun proxecto sobre as escolas unitarias. «É un tema moi interesante, actual e que dá pé para abordalo desde varias perspectivas, como a evolución da educación a través do tempo, os valores transmitidos en cada época, o cambio nos diferentes métodos educativos ou a relación entre profesorado e alumnado. Todas e todos fomos alumnos algunha vez, así que todo o mundo pode achegar a súa ollada particular», valora a docente, que considera que a elaboración dunha reportaxe é unha experiencia moi enriquecedora. «Fomenta o traballo en equipo, o manexo de ferramentas dixitais, a creatividade, a autonomía, e por suposto, as destrezas comunicativas, tanto orais como escritas», apunta.
Iso si, non estivo exenta de dificultades. Así, a selección e síntese de información, á hora de pasar os testemuños gravados á escritura, complicou a tarefa aínda que non a converteu en algo imposible.
Máis aló de mellorar os contidos estritamente académicos, Fernández destaca a aprendizaxe acumulada: «Aprenderon moito sobre diversos aspectos, escolares por suposto, mais tamén humanos e profesionais; achegáronse ás escolas onde os nenos actuais están iniciando a súa vida escolar, igual que eles o fixeron hai uns anos; observaron de preto o labor vocacional e entregado dos mestres, dos estudantes en prácticas; reflexionaron sobre a evolución do ensino a través dos tempos, e sospeito que houbo alumnos que tras desta experiencia atoparon o camiño do seu futuro profesional», conclúe a responsable do grupo.