Crise no mar: toneladas de marisco morto

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

María Porto, presidenta de la agrupación de marisqueo a pie de Carril, ayer en la playa
María Porto, presidenta de la agrupación de marisqueo a pie de Carril, ayer en la playa Elena Fernández

Os mariscadores confirman que a redución de salinidade na auga do mar provoca a morte de especies como ameixa, mexillón ou navalla

04 mar 2026 . Actualizado a las 10:10 h.

Galicia viviu un tren de borrascas practicamente continuo durante máis de tres meses, con chuvias intensas e temporais que deixaron un inverno sen apenas tregua. Máis aló dos días grises e do aburrimento de non ver o sol, esta situación meteorolóxica está a ter un impacto directo na economía galega. O marisco que se recolle nas rías, como é o caso da ameixa, do berberecho ou da navalla, pero tamén dos mexillóns, está a morrer en cantidades históricas, ata niveis que non se vían desde a crise do Prestige.

Pero, que está a pasar?

Unha mortaldade masiva nos bancos marisqueiros. Os traballadores atópanse con miles de exemplares mortos onde antes había produto listo para vender. Nalgunhas zonas, a maioría do marisco desapareceu.

Que cifras se coñecen?

Nalgunhas rías rexistráronse perdas de ata o 80 % ou 90 % en determinadas especies. Iso implica que apenas queda marisco vivo para recoller, o que deixa a moitas confrarías sen apenas produción e sen ingresos.

Desde cando non sucedía algo así?

O sector asegura que non se lembra unha mortaldade destas dimensións desde a crise do Prestige, hai máis de vinte anos. Desde entón houbo episodios complicados, pero o deste había tempo que non se producía.

Que pasou co Prestige?

O Prestige foi un petroleiro que se afundiu fronte á costa galega en novembro de 2002, provocando unha vertedura masiva de fuel. A contaminación afectou gravemente as rías, obrigou a pechar a actividade pesqueira e marisqueira durante meses e deixou perdas económicas millonarias. Aquela foi unha crise por contaminación; a actual é distinta na súa orixe, pero comparable nas súas consecuencias para o sector.

Por que sucede isto agora?

A clave está nas condicións da auga. As rías galegas funcionan como grandes estuarios onde se mesturan a auga salgada do mar e a doce dos ríos. Ese equilibrio é fundamental. Cando chove de forma normal, a mestura mantense estable. Pero despois de meses de precipitacións intensas e continuas, a cantidade de auga doce Galicia que entra nas rías é tan grande que, por así dicilo, dilúe a auga do mar. Iso provoca unha caída brusca da salinidade. Se a salinidade baixa demasiado e durante demasiado tempo, algunhas especies non poden adaptarse e acaban morrendo. A isto súmase o efecto directo dos temporais. O mal estado do mar mantivo a moitas embarcacións amarradas en porto durante semanas. O impacto é dobre: menos marisco vivo e menos días de actividade para xerar ingresos.

Como repercute este proceso?

É toda unha cadea. Ao non poder recoller marisco nin pescar, as confrarías ven caer a súa facturación, as lonxas ofrecen menos materias primas, os transportistas moven menos mercadoría e os restaurantes teñen máis dificultades para conseguir produto local. Os consumidores como nós vemos como hai menos marisco nas tendas e que este, ademais, é moito máis caro.

 

A última gran crise para os mariscadores foi a do 2023

Galicia volve vivir unha crise histórica no marisqueo, pero non é algo que xurdise da nada: o sector xa levaba anos encadeando problemas, e un dos momentos máis complicados foi a situación que atravesou no 2023. Por aquel entón, a temperatura da auga do mar no verán estivera máis quente que nunca. Despois, en outubro e en novembro, acumuláronse moitas precipitacións.

Todo isto, ao igual que sucede este ano, fixo que a materia prima morrese. De feito, o problema foi tan grande que se solicitou que certas rías fosen consideradas zona catastrófica para poder recibir axudas, porque as perdas económicas foron enormes para moitas familias que viven deste traballo. Se vos ocorren outros exemplos de traballos que poidan depender igual da natureza?

As vedas son un bo xeito de protexer as especies

Ao final temos que entender que os recursos do mar son limitados. Non hai un número infinito de ameixas ou de mexillóns. Isto é algo que o sector sabe ben. Por iso, independentemente das crises que o sector vive, a actividade pesqueira en Galicia está limitada polos períodos de veda obrigatorios, que establece a Consellería do Mar co obxectivo de asegurar a supervivencia de certas especies.

Isto que significa? Pois que cada ano hai un tempo durante o cal non se pode capturar algún marisco ou algunhas especies de peixe. Ademais, a Xunta establece que haxa cotas por embarcación e mariñeiro, é dicir, un límite de capturas, e obriga a que se descarten as especies que non teñan un talle mínimo. Cada especie ten a súa veda e, por exemplo, é posible que a lagosta poida capturarse antes cá centola, de xeito que unha poida mercarse no Nadal e a outra non.

Actividade básica

A túa zona

En Galicia existen diferentes zonas para capturar marisco. Na clase, por grupos e cun mapa da comunidade, tratade de situar a que estea máis preto de vós. Cal é? Que marisco hai nela?

--------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

 

Como cambiou a nosa contorna?

O avance das cidades, as actividades humanas, a explotación dun lugar ou a propia natureza actúan no espazo e modifican a súa forma ata facela irrecoñecible

Unha foto dunha praia preto ao centro da Coruña en 1964.
Unha foto dunha praia preto ao centro da Coruña en 1964. ALBERTO MARTI VILLARDEFRANCOS

O mesmo sitio nunha imaxe do 2017.
O mesmo sitio nunha imaxe do 2017. EDUARDO PEREZ

Este inverno, Galicia está a ver como despois das tormentas, as súas rías quedan sen marisco. O que parece un problema local e temporal en realidade dános unha lección máis grande: os recursos que temos na natureza non son infinitos. Aínda que o marisqueo e a pesca na nosa comunidade están moi controlados e regulados para evitar a explotación excesiva, noutros casos, usar demasiado ou de xeito descoidado os recursos naturais pode facer que desaparezan. Por exemplo, pescar máis peixes dos que poden nacer, talar bosques sen repoñer árbores ou extraer auga de ríos e acuíferos sen coidado pode provocar que os ecosistemas cambien para sempre. O que hoxe temos na nosa cidade, a nosa vila ou as nosas rías poda que non estea aí dentro de cincuenta anos se seguimos sen pensar nos límites da natureza.

E non se trata só dos recursos: os oficios que dependen deles tamén poden desaparecer ou cambiar. Os mariscadores, pescadores ou agricultores poden ver como os seus traballos tradicionais se transforman ou mesmo deixan de existir se os recursos dos que viven se esgotan.

Ademais, a acción humana non só pode esgotar recursos, senón que transforma os espazos. As cidades crecen, os campos énchense de estradas e os ríos canalízanse. Aínda que moitas veces estes cambios nos facilitan a vida, tamén alteran a forma en que funcionan os ecosistemas

Os animais que antes vivían neses espazos poden ver alterada a súa orde. De feito, temos un exemplo que vemos con moita frecuencia. Galicia é unha das áreas con maior densidade de xabarís de Europa. En concreto, hai uns 82.000 exemplares nela. Esta especie aumentou a súa presenza tanto nas estradas como en ámbitos urbanos. E isto débese, entre outras razóns, a que as cidades creceron e roubáronlle espazo ao seu hábitat natural. Podemos ver outros casos, como os das construcións de portos ou paseos marítimos no que antes era unha praia. Temos o exemplo que vemos nas imaxes. No canto de onde no século pasado había unha praia, hoxe hai formigón e instalacións deportivas. Credes que a natureza pode tomar de volta o que se lle quitou?

A boa nova é que tamén existen exemplos do caso contrario. No parque nacional das Illas Atlánticas limítase o acceso e protéxense hábitats sensibles. No parque natural de Corrubedo (en Ribeira, na provincia da Coruña), onde durante anos o paso constante de persoas foi deteriorando o sistema de dunas, instaláronse pasarelas de madeira elevadas para que os visitantes poidan achegarse á zona sen pisar directamente a area, pecháronse accesos improvisados que atravesaban as dunas e colocáronse carteis explicativos que contan por que non se debe saír dos camiños sinalizados. Ademais, reforzouse a vexetación autóctona, plantando especies que axudan a fixar a area e a reconstruír o equilibrio natural do sistema.

Desta maneira, a duna volve actuar como barreira fronte ao vento e os temporais que veñen do mar, protexe o interior e recupera a súa primordial función ecolóxica.

Actividade media

Isto antes non era así

O exemplo da Coruña que vemos nas fotografías é un de moitos. Seguro que na vosa cidade, vila ou pobo hai casos similares, nos que as accións humanas mudaron os espazos. Sabes dalgún? Podedes preguntar na casa.

ENTENDER

O cambio climático pode mudar os oficios?

  • Cres que algúns traballos dos que vemos hoxe serán diferentes dentro de trinta ou cincuenta anos? É algo que pode pasar. O cambio climático non só está derretendo glaciares ou facendo que suba a temperatura: tamén está a transformar os oficios.
  • Como vimos, en Galicia, por exemplo, o marisqueo depende de algo moi concreto: o equilibrio entre auga doce e salgada nas rías. Se chove demasiado en pouco tempo ou aumentan as temperaturas da auga, o marisco pode morrer ou a súa cantidade reducirse drasticamente. Iso significa menos ingresos para as familias que viven del. Se aumentan as temperaturas e cambian as choivas, algúns cultivos deixan de ser viables.
  • Iso implica aprender novas técnicas, investir en tecnoloxía ou facer fronte a retos que antes non existían, como a existencia de pragas concretas que aumentan coa calor. Ocórrensevos exemplos de como se están a adaptar os oficios?

PROFUNDAR

Gandería, marisqueo ou agricultura son algúns dos sectores sen suficiente relevo xeracional

  • Imaxina que unha comunidade depende de persoas que teñen os seus traballos desde hai moitos anos, pero cada vez son máis maiores e hai poucos mozos que queiran ou poidan tomar a substitución. Iso é, en esencia, o que significa o relevo xeracional: que as xeracións máis novas ocupen os postos de traballo, herden as tarefas e manteñan viva unha actividade económica e social.
  • No sector primario —o conxunto de actividades que obteñen recursos directamente da natureza, como a agricultura, a gandería, a pesca ou o marisqueo— esta cuestión é especialmente visible. Estes oficios adoitan requirir moito esforzo físico, coñecemento da contorna, investimento en maquinaria ou acceso á terra ou á auga, e moitos mozos non ven estas profesións como opcións atractivas ou rendibles para o seu futuro
  • En Galicia, onde o sector primario foi clave durante décadas, o problema da substitución xeracional é evidente. Na gandería, especialmente no sector lácteo, pecharon moitas explotacións, aínda que a produción se mantén grazas a granxas máis grandes e tecnificadas. Isto significa que hai menos gandeiros e menos familias vivindo no medio rural.
  • Isto non se debe só a que estas profesións sexan duras, senón tamén a que os mozos cada vez están máis preparados, e polo tanto dedícanse a traballos máis cualificados. E ademais cada vez hai menos novos. A nosa pirámide demográfica é invertida.

Actividade avanzada

Unha pirámide invertida

Investiga en que consiste unha pirámide de poboación invertida. Pensa que sucederá e en Galicia no futuro: que pasará cos colexios se hai menos nenos?, faltará man de obra?, aumentarían os impostos polas pensións?