Isto non vai de bruxas e vampiros. Vai dun pai con oficio e sen beneficio. É o tenro relato dun medo actual e familiar
22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe dis «furgo» e a xente pensa en Camper ou en camperizar, nomes e verbos de marca. Polo menos, o tipo de xente que sabe cando saen en prevenda as entradas do concerto do ano e leva as zapas guapísimas que o petan este trimestre. A xente que, por máis que caian chuzos de punta, en sentido literal ou figurado, non deixa de veranear, de facer escapadas de fin de semana sobre rodas para vivir unha aventura que rotular en paisaxes naturais do máis riquiño e espectacular. Pouco que ver con estoutro que che vou recomendar. O pai que conduce esta peli que compartimos en Filmin a miña filla pequena e mais eu descarreirando dos terrores audiovisuais e os contidos redeiros típicos do Samaín ou Halloween, La furgo, non ten plan nin ten unha furgo para andala a sacar no Instagram. Máis ben a furgo que leva coma caracol anda a escondela dos veciños e da súa ex, non vaia ser que descubran o que ti, lector e espectador, vas saber desde o minuto un. E que é? Que Oso (Pol López), ese pai divorciado con oficio (debuxante con talento) pero sen beneficio, vive coa súa filla pequena (cando lle toca estar con ela) nunha furgoneta co espazo xusto para estirar o brazo ao espertar e encollelo para beber o Colacao. Nesa furgovivenda a relación paternofilial colle pero que moi ben, tanto como a imaxinación coa que o pai suple as carencias materiais que ten, pero a vida sobre rodas que levan felizmente pai e filla non ten tanto sitio na ollada dominante no social.
Este pai, Oso, vai indo con lapis e humor. Móvese con velocidade ás veces, escapando do desastre cun punto La vida es bella, sempre con xeito, sen soltar o volante do seu amor de pai, sen deixar de conducir esta furgo que percorre con orixinal frescura o territorio emocional da paternidade entre o deber e o querer, entre o querer e o non poder. Esta en realidade é a cuestión. Querer non é poder, é facer, ir facendo o que se pode. O filme mestura a estética do cómic (de feito, a peli baséase nun de Martín Tognola e Ramón Pardina) e o pulo dun cine social que escacha o molde con actitude riquiña, que aparca a forza da denuncia de portada para superar tópicos e ideas de segunda man, para convidarnos a comprender un pouco, dende outro lugar, a realidade de non ter casa, non ter rede de familia e non ter traballo. Sen retrato robot da persoa á que lle afecta o de non ser un cidadán produtivo no Tetris do sistema.
A precariedade deste pai de La furgo, que ten un airiño a Captain Fantastic pero sen a épica ianqui superpop, latexa no corazón dun relato de medo cotián no que a vence a esperanza. A fantasía nesta peli está a carón de todo, como corrosco filosófico de vida. A fantasía pode ser a arte que faga posible a grande evasión do terror.
Oso é un «perdedor» que dá exemplo como pai, como veciño, como amigo. Ata o de facer de exparella se lle dá! Ten graza. É un artista urbano das relacións.
Hai que perderlle o medo á verdade, que é bruxa. Cada detalle conta para quen mira ben. Fíxate na última cunca de café!