Os profesores con mellores resultados acoden ás aulas dos outros para darlles axuda
09 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Adeus á disciplina inglesa das películas. En Inglaterra, Gales e Irlanda do Norte (Escocia é territorio diferente con normas propias) a colaboración substituíu ao látego. Os profesores van constantemente a outros centros a ver como o fan, e aqueles que obteñen mellores cualificacións no que en Galicia serían reválidas acoden aos que quedaron por baixo deles co fin de darlles non só ánimos, senón un empurrón. «Iso non é traballar para o inimigo?». E os docentes presentes sorrín: «Para nada, aquí trátase de que o ensino sexa o mellor posible». O cal, escoitado nun país cun ensino tan competitivo, polo menos é curioso, cando non sorprendente.
Dalgún xeito, todos os centros son públicos. En realidade, non todos, porque hai algúns totalmente privados. Poucos, pero moi selectos e moi caros. Porén, a meirande parte poden ser definidos como públicos porque todos, pertenzan ao Estado, ao condado ou a persoas físicas, perciben a mesma cantidade de cartos públicos por alumno, con reforzos concretos en casos tamén concretos. E así os alumnos poden elixir onde estudar con certas limitacións xeográficas que son moi laxas.
E onde queren estudar? Pois nos mellores centros. E como se sabe cales son os mellores centros? Con dúas reválidas: unha cando se remata o ano undécimo, que vén ser o final da ESO española, e outra cando se remata o que sería o bacharelato. Os resultados son públicos e serven para elaborar unha lista de que centros quedaron máis arriba e cales máis abaixo. Por exemplo, o St. John’s, que ten relación constante co Cristo Rey de Oleiros e mais co concello de Oroso (neste caso a través do Camiño Inglés), quedou o ano pasado de primeiro no que se refire ao ensino da lingua española, competindo con case outro medio cento de centros do seu condado (o equivalente á provincia, neste caso sería un terzo da coruñesa). Así que o St. John’s ten presión ano tras ano para que admita a máis e máis alumnos.
Polo demais, os nomes dan lugar a evidente confusión. Que o letreiro poña que é unha public school non quere dicir que sexa pública, e unha academia é un grao diferente a unha school normal aínda que dean os mesmos niveis de ensino, de tal xeito que unha academia organízase ao seu aire e pode pagar máis aos seus profesores e distribuír o seu orzamento como lle pete, co inconveniente de que unha fuga de auga ou un problema coa electricidade son cousa súa, non pode pedir a Londres ou ao concello que abra a carteira. Cousa que si sucede en caso de non ser academia.
Ese baile de nomes aumenta porque algúns centros teñen fóra o cartel de sixth form, que non é outra cousa que o bacharelato. E non provoca sorpresa que ao pasear por Oxford ou Cambridge se vexan os famosos colleges, que tiran de prestixio e admiten visitas previo pago. Pero os colleges, ademais dos das universidades, son en realidade centros onde se dá un ensino máis práctico que lembra á FP española.
E un apuntamento final: non hai profesores funcionarios. A Xunta de Governors (unha especie de consello escolar moi sui géneris) é a que ten a derradeira palabra para contratar a alguén. Tamén para despedilo. Pero todas as fontes consultadas coinciden: «Ou cometiches algún acto criminal ou é moi raro que neste país se despida a un profesor». E por razóns políticas? Agora é cando aparecen as risas.
ENTREVISTA
«O meu colexio ten principios sociais fortes»
Cristina Almeida é unha profesora portuguesa afincada dende hai moitos anos en Inglaterra e que dá clase na Kingsmeadow Community School, preto da cidade de Newcastle.
-Que tipo de alumnos ten o seu colexio?
-Os estudantes teñen unha vida familiar un pouco difícil, algúns con problemas económicos ou sociais grandes. Isto reflíctese non só na súa aprendizaxe, senón tamén na súa asistencia escolar, nos seus deberes, no interese por algunhas materias ou no respecto polos adultos.
-Adultos en xeral?
-Refírome aos profesores e a outros membros do colexio.
-E que fai o centro ante iso?
-O colexio segue un programa moi bo de soporte pastoral, coa axuda de todos os que aí traballan, con principios sociais fortes que son sempre mencionados en cada materia.
-Cales son?
-O respecto, a compaixón, a integridade, o orgullo por facer un bo traballo, a axuda aos demais… Todos están sempre na mente de cada un.
-E de que lles vale iso?
-É que, con esta unidade e coherencia de pensamento e acción, os estudantes coñecen as expectativas e acadan mellores resultados.
ACTIVIDADES
- Un atlas sempre é benvido na clase. Onde está Inglaterra é algo xeralmente sabido, pero Gales? E Escocia? E Irlanda do Norte? Hai Irlanda do Sur?
- A primeira vista, que diferenzas hai entre o ensino en Galicia e o ensino en Gran Bretaña?
- En España, é igual o ensino nas comunidades autónomas ou non?
- Para que vale en Galicia o consello escolar? Quen o forma? Que decisións pode tomar? Están representados os alumnos?
- En Galicia hai polémica polas reválidas. En Gran Bretaña permiten coñecer o rendemento do alumno e dan unhas pistas sobre o nivel do colexio ou dos profesores. Que vantaxes e inconvenientes teñen unha cousa e a outra?