Un astrofotógrafo logra captar este extraordinario fenómeno en Galicia
31 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Se buscamos información sobre raios de cores atoparemos referencias a unha novela de Xulio Verne (Le rayon vert, 1882) e a unha película do cineasta francés Éric Rohmer (Le rayon vert, 1985), ambas as dúas protagonizadas polo mesmo raio verde, un fenómeno atmosférico tan fascinante como difícil de observar. Adoita producirse á posta do sol (aínda que tamén se pode ver xusto ao amencer) e nas nosas latitudes é un escintileo que dura apenas un segundo, xusto no momento no que a parte superior do disco solar toca o horizonte. Non obstante, non todos os días se producen raios verdes, xa que este fenómeno require unhas condicións xeográficas e atmosféricas determinadas. Por exemplo, son máis habituais cando o ocaso se produce sobre o océano, e por ese motivo a costa occidental de Galicia é un lugar especialmente favorable para observalos.
Os raios azuis son fenómenos similares, aínda que moito menos frecuentes. Tan raros que cando alguén consegue fotografar un deles convértense en noticia. Estes días o portal de divulgación astronómica Ceos Galegos (www.ceosdegalicia.com) informaba de que o astrofotógrafo Alfredo Madrigal, socio da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, atopara unha destas extraordinarias fotografías revisando imaxes antigas que gardaba no seu disco ríxido. Trátase dun fotograma pertencente a unha secuencia de posta de sol en Loiba (Ortigueira) capturada no verán de 2016. Os motivos polos que esta imaxe sae hoxe á luz cóntaos o propio autor na súa páxina web (www.bit.ly/2n2hatg).
XEOMETRÍA DO FENÓMENO
Os raios verdes, azuis ou incluso violetas son o resultado da interacción da luz do sol coa atmosfera terrestre. A luz viaxa en liña recta, pero cando pasa dun medio a outro (do espazo á atmosfera terrestre ou do aire á auga dun vaso) experimenta un cambio na súa dirección que denominamos refracción e que é máis intensa cando o sol está máis preto do horizonte. Ademais, como as diferentes cores que compoñen a luz solar (vermello, laranxa, amarelo... e así ata o violeta) se refractan ou desvían en ángulos lixeiramente distintos, a atmosfera actúa como un prisma que separa imaxes do sol en todas as cores do arco da vella. É unha separación tan pequena que só se aprecia nos extremos do disco solar: a parte inferior aparece vermella e a superior violeta. O problema é que non todas as cores se transmiten igual de ben polo aire. A luz violeta e a azul dispérsanse rapidamente en todas direccións e non chegan ata nós, de modo que o que chegamos a ver na parte superior do disco solar é un brevísimo escintileo de cor verde. Os raios azuis, e non digamos os violetas, esixen unha atmosfera tan limpa e estable que moi poucas veces se chegan a apreciar.
Galicia, terra de astrofotógrafos
A pesar das condicións meteorolóxicas habitualmente pouco favorables para a práctica da astronomía, en Galicia contamos con excelentes investigadores e varias agrupacións astronómicas que contribúen á divulgación desta ciencia. Nos últimos anos xurdiu ademais unha xeración de astrofotógrafos que espremen a beleza dos ceos galegos. Algúns deles, como Alfredo Madrigal, especializáronse en astrofotografía da paisaxe, unha perspectiva que busca integrar a beleza do firmamento no contexto das paisaxes naturais.
actividades
- Nas nosas latitudes o raio verde (ou azul) apenas adoita durar unha fracción de segundo. Pero en lugares (e épocas do ano) en que os ocasos son máis longos, estes fenómenos poden prolongarse no tempo. Así, durante unha expedición en 1929, Richard Byrd puido observar un raio verde durante case 35 minutos. Tendo en conta todo isto, onde e en que época do ano terías que ir para ver o raio verde máis longo? E onde e cando sería o máis curto?
- Enche un vaso con auga ata a metade e introduce un lapis, apoiándoo no bordo do vaso. Que lle pasa ao lapis? Permanecen os cambios se o sacas da auga? Ocórrelle o mesmo ao teu dedo? A que crees que se debe este fenómeno?