A construción de estradas e outras infraestruturas, que tantas veces se valoran como exemplo de desenvolvemento, están estrangulando a natureza
24 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A comezos de ano todos fan as súas promesas. Uns portaranse mellor, outros estudarán máis, farán máis exercicio, coidarán a dieta ou deixarán de fumar. Os Gobernos do Estado, das autonomías e dos concellos tamén adoitan anunciar que os seus orzamentos recentemente aprobados permitiranlles construír novos quilómetros de estradas, de vías férreas, aparcadoiros, centros comerciais, urbanizacións e polígonos industriais. Sería conveniente comezar a sacrificar algunhas comodidades, aínda que só fose as menos necesarias, se queremos conservar a natureza.
CRUCES MORTAIS
Unha demanda histórica de todos os núcleos de poboación é que se incrementen as súas vías de comunicación para mellorar o transporte e a mobilidade. Por iso pódese afirmar que case todo o territorio europeo se atopa baixo a influencia dunha estrada. Aínda que pareza mentira, a metade do territorio do noso país atópase a menos dun quilómetro de distancia dunha estrada, e o 99 % atópase a menos de dez; pero é que, ademais, o recuncho máis afastado dunha infraestrutura de calquera punto da xeografía española atópase a tan só uns 20 quilómetros.
O problema é que o que está a pasar en España tamén sucede en todo o planeta. Por iso se estima que para dentro de 30 anos haberá no mundo uns 335.000 quilómetros de novas vías férreas e uns 25 millóns máis de quilómetros de estradas pavimentadas: ¡unha distancia equivalente a dar 625 voltas ao noso planeta!
Intentouse cuantificar o seu impacto na biodiversidade e parece que no noso país as construcións humanas provocaron unha paulatina redución da cantidade de animais, ata facer que diminuísen un 50 % as poboacións de mamíferos e un 20 % as de aves. É fácil entender que esta fragmentación do medio ambiente provoque, por exemplo, que os linces e os osos teñan dificultades para atopar unha parella cando chega a época reprodutora. Tamén é unha consecuencia desta densa rede de vías de comunicación que moitos animais deban cruzalas e morran no intento. Desgraciadamente, todos vimos cadáveres de raposos, ourizos, ras, musarañas, coellos, donicelas, serpes, esquíos, lagartos e outras especies esmagadas polas rodas dos vehículos. Mesmo se rexistraron atropelos de especies de maior tamaño como osos, lobos (no 2017 morreron tres en Castela-León), cervos ou corzos.
Destes cruces mortais tampouco se salvan os animais voadores, como aves e insectos. Observar como quedan os parabrisas e frontais dos vehículos tras unha viaxe é un testemuño da cantidade de saltóns, mosquitos, bolboretas, escaravellos e outros moitos insectos que morren diariamente sobre as estradas. O mesmo lles sucede ás aves (miñatos, merlos, pombas, pardais…). Hai tan só uns días que a prensa publicaba un estudo sobre o impacto que os trens de alta velocidade teñen na mortalidade destas especies. Os datos que achegaban indican que, máis ou menos, o AVE atropela unha ave cada 350 quilómetros percorridos. E calcularon que, só no tramo que une Madrid cun pobo de Cuenca, estes trens matan uns 60 animais ao ano.
As cidades medran
As cidades e as súas instalacións, que foron clasicamente consideradas como unha medida do desenvolvemento dun país, convertéronse agora nun desafío para a conservación do medio ambiente. Actualmente o 54 % da poboación mundial vive en cidades, pero para mediados de século esa porcentaxe ascenderá ata o 66 %.
Europa é a rexión máis urbanizada do planeta, e onde os habitantes melloraron a súa calidade de vida a condición de incrementar a superficie dos seus fogares, das infraestruturas necesarias para mantelos ou dos aparcadoiros, parques comerciais e outras áreas de servizos. A tendencia é estender os límites das cidades con urbanizacións periféricas de vivendas cada vez máis horizontais, que ocupan máis e máis territorio. Isto explica que desde mediados do século XX a superficie ocupada por cidades en Europa medrase case un 80 % mentres que a súa poboación tan só se incrementase un 33 %. Por esa razón só no noso continente se perden algo máis de 100.000 metros cadrados de chan cada hora.
O problema é de maior preocupación por canto serán os países subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento os que experimentarán nos próximos anos o maior crecemento das súas áreas urbanas. No mundo había dez megacidades en 1990, 28 no 2014 e espérase que para o 2030 sexan 41 os núcleos urbanos que excedan dos dez millóns de habitantes. Segundo a ONU, China e Nixeria serán os países onde se producirá o maior crecemento urbano. Por iso a ocupación desordenada do territorio converteuse noutra das ameazas ambientais para o noso planeta.
actividades
- Utiliza Google Maps para atopar o maior espazo natural do teu concello e sitúa onde se atopa o punto máis separado dunha estrada. A cantos quilómetros está?
- Hai países que constrúen, desde hai anos, o que algúns chaman ecodutos, para referirse aos pasos que serven para que a fauna poida cruzar sen perigo as vías de comunicación. Investiga en Internet como son, quen os empregan principalmente e onde se atopan. Aquí tes un par de exemplos: unha ponte para cangrexos da illa de Nadal e un túnel para elefantes en Nairobi (Kenya). No noso país existe un bonito ecoduto sobre a autovía A-66 que une Benavente con León.
- Os raposos son animais territoriais, isto é, que marcan e defenden o seu territorio, por termo medio duns 12 quilómetros cadrados. O dunha manda de lobos é maior, duns 25 quilómetros cadrados a área onde realiza a maior parte da súa actividade. Onde poderían vivir en Galicia sen a necesidade de cruzar unha estrada?