A praia no inverno

Antonio Sandoval Rey

ESCUELA

Poida que faga frío porque estamos en pleno inverno, pero cun mínimo de abrigo adoita ser suficiente
Poida que faga frío porque estamos en pleno inverno, pero cun mínimo de abrigo adoita ser suficiente MONICA IRAGO

Unha visita aos areais nesta época do ano é unha experiencia que ninguén debería perderse, porque depara sensacións asombrosas e reconfortantes

11 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Area. Ondas. Rocas. Escuma. Horizonte. Ceo. Brisa, ás veces vento. Gaivotas. Nubes viaxeiras polo ceo azul... Todo iso pode ser por unhas horas só para ti e quen te acompañen. Poida que faga frío, é certo, pero é que estamos en pleno inverno. Cun mínimo de abrigo é suficiente. A cambio, a cantidade de achados de todo tipo que podes atopar resulta asombrosa. Visitar unha praia galega nestas datas é unha desas experiencias que ninguén debería perderse. O mellor é que non é necesario acudir moi lonxe. Calquera areal vale. Incluso o máis urbano. Por exemplo, a praia de Riazor, no centro da cidade da Coruña. Imos alá. Uns pasos despois de deixar atrás as escaleiras que baixan á area, toda a paisaxe cambia. En aparencia segue sendo a mesma, pero agora o rumoreo de fondo das ondas substitúe ao do tráfico. Ademais, mentres que o paseo marítimo o compartiamos con centos ou miles de persoas, segundo camiñamos cara á beira dámonos conta de que estamos case sos. Hai algunha persoa coa súa mascota, e pouco máis. Esta sensación de soidade baixo o ceo e ante o océano resulta en grao sumo reconfortante.

Detémonos onde a última marea alta depositou infinidade de algas e cunchas. Con estas últimas empezamos a facer unha colección que gardamos nos petos. Sorpréndenos a diversidade delas que imos reunindo. Algunhas son moi bonitas. Por exemplo, as orellas de mar, con esa nácara irisada do seu interior e esa liña de orificios diminutos que percorren o seu bordo. Hai tamén moitos residuos. É inevitable. Sucede nesta o mesmo que en calquera outra praia do mundo. Incluídas as máis remotas. Facemos unha lista mental do tipo de lixos que atopamos. Hai, por exemplo, moitísimos bastonetes dos oídos...

Charlamos acerca do problema dos restos plásticos no mar. Sobre como nalgunhas zonas do Pacífico e deste Atlántico noso chegan a formar descomunais e espesas balsas flotantes. Tamén acerca de como todas as aves mariñas se tragan estes restos de cores ao confundilos co seu alimento natural. Un pouco máis aló atopamos o cadáver dun mascato. Leste faleceu por outro motivo. Ten un anzol enganchado no seu forte pico. Admiramos as súas patas palmeadas, anchas e fortes.

 

CONTEMPLAR

Pero nesta praia urbana hai outras aves. Vivas, ademais. Buscámolas cos prismáticos. Descubrimos así un pouco máis aló das rompentes un grupo de pentumeiros. Son grandes e escuros patos mariños que veñen de Siberia a pasar aquí os meses máis fríos. Mergúllanse baixo a superficie para buscar moluscos polo fondo. Tamén se somerxen os corvos mariños grandes e os corvos mariños cristado. Destes últimos, hai uns cantos pousados nas rocas. Ao seu redor van e veñen os virapedras. Viñeron incluso desde Canadá. O seu alimento preferido está onde as ondas golpean e se retiran. Vemos tamén catro especies de gaivotas, un carrán cristado e na area unha lavandeira real de peito moi amarelo.

Sentámonos a contemplar as ondas, as formas da escuma, as nubes, as embarcacións de pesca, os buques que percorren a liña do horizonte... Collemos un puñado de area e fixámonos nos seus grans. En boa medida son anaquiños de cunchas. Debemos os lugares como este á existencia previa de millóns de criaturas mariñas. As praias son un de tantos froitos marabillosos da vida. Seica sexa por iso que nos gustan tanto.

Andar ás crebas

Así se denominaba a tradición ancestral de percorrer as praias en busca do que trouxese o mar. Hoxe aínda a practican moitas persoas, como acicate para pasear con curiosidade polas praias. No pasado dar cun bo taboleiro, unha caixa en perfecto estado, un bote de pintura sen abrir, ou unha nasa perdida por outro, por exemplo, facían que o percorrido polas praias merecese moito a pena. Se o que se atopaba era un anaco de ámbar gris, era coma se che tocase a lotería. En realidade tratábase do excremento dun cachalote, pero pagábase a prezo de ouro pola súa utilidade para a perfumería. En ocasións aparecían na beira cousas asombrosas, como as que conta José Baña Heim na súa obra clásica A Costa da Morte. Historia e anecdotario dos seus naufraxios.

José Baña, que era profesor, reúne no seu libro de 1980 infinidade de noticias acerca do que as xentes desa zona atoparon nas súas praias ao longo de décadas. Unha delas relata como en 1927 o mar deixou en Arou unha boa cantidade de leite condensado caído dun barco, unha novidade para a época: os veciños tomárono por botes de pintura. Ou cando o que depositou na area foron cantidades incribles de laranxas. E incluso acordeóns, que facían soar a súa música ao compás das ondas.

  • Esta noticia de La Voz de Galicia narra estas e outras historias: goo.gl/THx99E

Unha película e un libro

A tradición de andar ás crebas deu como resultado unha rechamante produción literaria en forma de relatos orais, poemas e incluso ensaios. Un destes últimos, repleto de información, é As crebas. Outro xeito de andar ao mar, de Francisco X. Fernández Naval e Maribel Longueira (Baía Edicións, 2014). Non deixes de lelo.

A película galega Os Crebinsky, dirixida por Enrique Otero e protagonizada por Miguel de Lira e Sergio Zearreta, conta a divertida peripecia vital dos irmáns Feodor e Mijail. Tras naufragar en Galicia en compañía da súa vaca Mucha, sobreviven en soidade xunto a un faro grazas ao que o océano deixa cada día na beira, e á imaxinación coa que converten eses restos en obxectos de enorme utilidade.

Arte nada nas praias: Mar de Fábula

Mar de Fábula é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo fin é limpar o mar e fomentar a través da arte unha reflexión sobre o problema dos residuos en mares e océanos.

Para iso organiza campañas de recollida voluntaria de lixo nas nosas praias e con parte dos seus achados elabora unhas creacións á vez moi fermosas pero tamén inquietantes, por vir de onde veñen. Estas iniciativas son o seu xeito de demostrar que ningún residuo debería selo. É dicir, que todo se pode reciclar e reaproveitar. De feito, hoxe dispomos non xa de imaxinación, senón de tecnoloxía suficiente para facelo. O que falta é que os fabricantes, os decisores e a cidadanía de todo o planeta nos comprometamos no obxectivo de que nin un lixo máis chegue aos océanos. ¿Apúntaste?

  • Para saber máis das actividades de Mar de fábula podes consultar a súa páxina web: www.mardefabula.org
  • Esta é unha entrevista con Xosé Manuel Barros, fundador da entidade: goo.gl/I4kNfj

Ollo ás mareas e aos temporais

Antes de visitar unha praia consulta o horario de mareas para ese día, a fin de saber cando é a baixamar, que é o mellor momento para pasear. E de que a preamar non te pille por sorpresa. Ademais, recorda que os temporais é mellor observalos desde a distancia. Son todo un espectáculo, pero tamén un perigo moi serio cando se combinan coa imprudencia.

Podes consultar as mareas e a previsión do tempo por exemplo na páxina web de Meteogalicia:

  • Mareas: goo.gl/n77mEP
  • O tempo: http://www.meteogalicia.gal/web/index.action