O programa Voz Natura conta con vós para o próximo curso

La Voz

ESCUELA

> MEDIO AMBIENTE

02 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O teu colexio, instituto ou asociación pode ser un centro Voz Natura o próximo curso. Se queres que o coidado da natureza sexa unha constante ao longo do ano; se pensas que podes integrar as actividades ambientais no currículo do centro ou se xa o estás a facer e precisas un novo pulo... ¡agora é o momento de dar un paso adiante!

O programa medioambiental de La Voz de Galicia, desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, ten aberto o prazo para presentar propostas para o próximo curso 2016-2017. Un curso que, ademais, será moi especial porque se cumpren 20 anos da súa posta en marcha.

O prazo remata o 15 de marzo. Antes dese día débense presentar os proxectos mediante un formulario en liña que está dispoñible na páxina web do programa (www.voznatura.es). Poden presentarse equipos de centros educativos de todos os niveis -agás o universitario- e asociacións ambientais. Non hai un número mínimo de persoas en cada equipo pero cantos máis mellor. Cantos máis profes, alumnos e colaboradores mellor valorada será a proposta, posto que Voz Natura aspira a chegar o maior número de galegos.

Tamén será importante para a valoración e, xa que logo, a aceptación do proxecto, a súa temática. Para o próximo curso, Voz Natura deixa en mans dos equipos a escolla do tema. O programa quere que cadaquén bote unha ollada a súa contorna, se pregunte que pode facer para mellorala e propoña como facelo.

Unha vez recibidos todos os proxectos será un comité científico de expertos o que decida cales son admitidos e, por tanto, os que contarán con finanzación para desenvolver o traballo.

Iso saberase a principios de xuño e os traballos comezarán a executarse en setembro, co arranque do novo curso.

Voz Natura conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.