Ciencia cidadá e censos de aves

La Voz

ESCUELA

Denomínase ciencia cidadá ao conxunto de actividades organizadas que se serven da colaboración dos cidadáns para facer ciencia, é dicir, para coñecer mellor como funciona todo. Precisamente, un dos exemplos máis veteranos disto ten que ver coa biodiversidade. En concreto, coa diversidade de aves que viven en calquera lugar.

O Christmas Bird Count, por exemplo, celébrase nos Estados Unidos e Canadá entre finais de decembro e principios de xaneiro desde o ano 1900. Participan nel preto de 60.000 persoas. Tamén en Norteamérica celébrase cada mes de febreiro desde 1898 o Great Backyard Bird Count, no que se contan as aves que se ven en 15 minutos preto de casa. Os organizadores reciben case 100.000 censos cada ano. No Reino Unido, desde 1979 participan no Big Garden Birdwatch máis de 600.000 voluntarios, 90.000 deles escolares. Esta é a actividade de voluntariado científico máis importante do mundo en número de participantes.

En España a Sociedade Española de Ornitoloxía SEO/BirdLife mantén varios programas parecidos, nos que pode colaborar calquera cuns coñecementos mínimos ou quen queira aprender de man de quen xa os ten. Un dos máis interesantes é a actualización do Atlas das Aves de España, unha ferramenta fundamental para a conservación destes animais. De non ser pola participación desinteresada de miles de voluntarios, sería moito máis difícil elaborar este Atlas.