Corría o ano 2009 cando, a iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, se iniciaban os traballos para obter a declaración deste territorio como reserva da biosfera. Xa desde o principio esta iniciativa contou co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os 18 municipios afectados. Non ía ser unha tarefa fácil. Moitas persoas poderían non comprender por que se ía protexer un territorio tan humanizado.
Pero ese era precisamente o seu valor. Porque á vez que fogar de preto de 190.000 persoas e infinidade de empresas e industrias, esta área de 110.00 hectáreas inclúe 49 tipos de hábitats naturais de interese para a Unión Europea, 12 dos cales están tipificados como prioritarios pola Directiva Habitat, a lei máis importante de cantas promoven a conservación da natureza europea. Si, aquí hai amplas zonas urbanas, polígonos industriais, grandes infraestruturas... pero tamén moi diversas zonas costeiras, vales litorais e serras interiores. De feito, este espazo esténdese desde o litoral ata o límite coa provincia de Lugo, onde enlaza coa reserva da biosfera Terras do Miño.
A redacción da documentación técnica para a presentación da candidatura á Unesco foi encargada ao Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida) pola Deputación da Coruña. Unha vez terminada, a proposta foi aprobada por unanimidade polo Comité Español de Programa Man and Biosphere, e definitivamente en París en maio do 2013. Hoxe a reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é unha das máis activas de Galicia e España, e organiza de forma constante todo tipo de encontros destinados a cumprir os obxectivos marcados pola UNESCO para estes espazos. A tal fin, o seu órgano de xestión colabora con todas as Administracións con responsabilidade no seu territorio, así como con infinidade de entidades públicas e privadas, empresas e organismos estatais e internacionais.
Tanto se tes a sorte de vivir dentro desta reserva coma se che apetece coñecela, a cantidade de espazos naturais diferentes que che ofrece para percorrela é de verdade asombrosa. Algúns seguro que che soan: rías de Sada e Betanzos, ría do Burgo, lagoa de Sobrado, encoro de Abegondo-Cecebre, río Mandeo ao seu paso por Chelo, Costa de Dexo... e tantos outros.
Durante os teus paseos, non deixes de reflexionar acerca de que modelos de desenvolvemento ch parece que poden ser os máis adecuados para manter no futuro a mellor harmonía posible entre a conservación destes tesouros naturais e o benestar de quen viven neles ou preto deles. E se se che ocorren unhas cantas ideas, non deixes de compartilas cos responsables da Reserva, con quen podes contactar a través da súa páxina web.