O presidente da Comunidade de Madrid renunciou a privatizar a sanidade trala sentenza do Tribunal Superior
12 feb 2014 . Actualizado a las 12:32 h.O 27 de xaneiro o Tribunal Superior de Xustiza (TSX) de Madrid ratificou a suspensión cautelar do proxecto de privatización de seis hospitais de Madrid e ese mesmo día o presidente da comunidade anunciou a cancelación definitiva do proxecto. Durante os últimos quince meses repetíronse en Madrid manifestacións multitudinarias que recibían o nome de mareas brancas porque os seus participantes ían vestidos con batas desa cor. Eran persoas dispostas a defender por encima de todo o carácter público da sanidade. Vían ameazada a calidade dun dos servizos públicos que mellor funcionan no país, un servizo do que non só gozaban, senón do que ademais estaban orgullosos.
A crenza de que a sanidade pública en España funciona ben está moi estendida entre os usuarios que teñen a seguridade de que se trata dun dos mellores servizos sanitarios do mundo. É certo que na atención se producen algúns problemas organizativos que levan a demoras e á aparición, ás veces, de longas listas de espera para poder ser sometidos a operacións. Pero todo o mundo sabe tamén que cando a saúde está gravemente ameazada non hai ningún sitio como a Seguridade Social para poder saír con ben. Por iso a xente saíu á rúa durante quince meses e enfrontouse ao goberno da Comunidade de Madrid para conseguir que a sanidade siga como está, que siga xestionada pola Administración pública e se cancele a aventura de experimentar o que sucedería cunha xestión privada. O enfrontamento desenvolveuse así.
Historia dun desencontro
Outubro do 2012. Na presentación dos orzamentos do 2013 da Comunidade de Madrid, o seu presidente, Ignacio González, anunciou o proxecto de externalizar a xestión de seis hospitais e 27 centros de saúde. Ao mesmo tempo estableceu unha taxa de 1 euro por cada receita. A medida foi recibida con enorme rexeitamento pola poboación madrileña. Ao mes seguinte, en novembro, organizouse a primeira marea branca polas rúas da cidade.
n 27 de decembro. A Asemblea de Madrid aprobou a privatización da xestión de seis hospitais e 27 centros de saúde, cos votos do PP e a oposición do resto dos partidos.
n 30 de xaneiro do 2013. O Tribunal Constitucional suspendeu a taxa de 1 euro por receita que se estaba aplicando desde o 1 de xaneiro.
n 18 de abril. Convocáronse os concursos de adxudicación para a xestión dos seis hospitais e publicáronse os pregos de condicións.
n 13 de maio. Colectivos e organizacións cidadás organizaron unha consulta popular sobre a privatización. Participaron e emitiron o seu voto na convocatoria 935.794 cidadáns. O 94 % rexeitaron a privatización.
n Xuño. Durante esta mes sucedéronse as demandas ante os tribunais contra os pregos de condicións do concurso por parte de distintas organizacións, entre elas a Asociación de Facultativos e Médicos Especialistas (AFEM), e algúns concellos. Catro días antes da data límite de presentación de ofertas publicouse unha redución da garantía que debían abonar as empresas. Pasábase do 5 % da totalidade do contrato ao 5 % dunha anualidade. Esta drástica redución foi tamén obxecto de denuncias.
n 4 de xullo. A Comunidade de Madrid adxudicou os concursos de xestión dos seis hospitais a tres empresas.
n 10 de xullo. O TSX de Madrid paralizou preventivamente o proceso de privatización. Catro días máis tarde levantouse esta paralización, pero volveu decretarse o 4 de setembro a solicitude da AFEM.
n 27 de xaneiro do 2014. Despois de diversos incidentes procesuais e vistos todos os recursos presentados polo Goberno da comunidade, o TSX de Madrid reafirmouse nos seus pronunciamentos anteriores e ratificou a suspensión cautelar da privatización ata que investigue todos os extremos. Os maxistrados alegaron que os profesionais dos hospitais poderían sufrir «prexuízos irreparables» en caso de seguir o proceso adiante.
Ese mesmo día, o presidente da comunidade, Ignacio González, comunicou á cidadanía que se anulaba todo o proceso de privatización. Miles de pequenos Davides venceran a Goliat. As súas armas non foran moitas. Os opositores á externalización propuxeron a súa loita en dúas frontes: a rúa e os tribunais. Na rúa organizaron periodicamente mareas brancas, manifestacións de médicos, persoal sanitario e pacientes vestidos con batas brancas. Ao longo dos 16 meses que durou o conflito, organizáronse 15 manifestacións, unha cada mes, o terceiro fin de semana. Simultaneamente, foron denunciadas nos tribunais de xustiza as convocatorias dos concursos de adxudicación dos hospitais e as propias adxudicacións. Ata 14 procesos xudiciais abríronse en Madrid por este tema.
A cuadratura do círculo
Pero ¿quen ten razón? ¿Os cidadáns, que se manifestan en defensa do sistema público de sanidade ou os defensores da privatización que alegan que será máis barato e organizarase mellor o servizo sanitario, sen tantas listas de espera nin tantas aglomeracións nos servizos de urxencias? Todos os argumentos do Goberno da Comunidade de Madrid xuntos parece que non serviron para convencer á maioría.
A xente non llo cre. A razón é que resulta moi difícil convencer a alguén de que se pode rebaixar o custo e manter a mesma calidade do servizo encargando a xestión a unha empresa privada, que ademais de facer o mesmo que se fai agora ten que conseguir o beneficio económico que xustifique o seu investimento. ¿Como é posible conseguir que algo sexa máis barato engadíndolle novos custos? ¿Como é posible mellorar a calidade dun servizo afirmando ao mesmo tempo que se vai reducir o seu custo? Sería algo así como a cuadratura do círculo, pero a xente non parece disposta a que se experimente coa súa saúde.
Actividades
O problema da sanidade aféctanos a todos. Todos usamos os servizos de saúde. Todos nos pomos enfermos e todos tivemos que ir ao médico e someternos a un tratamento para curarnos. Por iso todos temos dereito a opinar sobre el.
1. Organizade un debate en clase sobre a disxuntiva sanidade de xestión pública ou de xestión privada. Primeiro analizade minuciosamente o tema. Facede relacións das vantaxes e inconvenientes de cada un dos sistemas. Discutide despois sobre esas vantaxes e inconvenientes e tratade de chegar a unha conclusión.
2. Fundamentade unha opinión persoal, o máis obxectiva e adoitada posible, sobre esta cuestión transcendental.