Noticias de cociña, menú e dietas

Jesús Garrido

ESCUELA

Photographer: Pope

22 ene 2014 . Actualizado a las 12:47 h.

A noticia que comentamos en primeira páxina levaba consigo a idea de propor un concurso que implique aos alumnos na confección e realización de menús: un bo modo para unha reflexión sobre o control da comida, coa mirada posta en evitar o problema da obesidade. Recollemos, como sempre, unha serie de noticias relativamente próximas que se atopan nas páxinas do xornal e que serven para unha reflexión e actividade en clase. Bo proveito.

Para ler a Noticia completa, o cal resulta imprescindible para entender ben de que vai, conecta con www.lavozdegalicia.es e escribe as primeiras palabras do título da noticia na casa superior dereita, que teñe unha lupa.

1. «MASTERCHEF JUNIOR»

Mario gaña o concurso, que se despide con récord de audiencia

(La Voz, 7/1/2014) O programa conseguiu onte un 21.7 % de audiencia e 4.387.000 espectadores. Mario converteuse no primeiro masterchef júnior de España. A actitude, a disciplina e un exquisito prato de cocochas ao pilpil déronlle a este neno de 12 anos de Logroño o trono do primeiro concurso culinario infantil celebrado nunha televisión española. Mario enfrontouse na última proba final de Masterchef Junior á malagueña Ana Luna. Ata a penúltima proba, na que tiveron que elaborar unha rosca de Reis, chegou o coruñés Juan, que non puido pasar á proba final.

- ACTIVIDADES. ¿Que che parece a idea de facerte cociñeiro, sequera por uns días, para aprender a comer ben sen pasarte de quilos e gardar mellor a liña sa e vertical na túa vida? ¿Que sabes facer na cociña? ¿Compramos unha grella para a escola?

2. PESO E TALLA DE 7.000 ALUMNOS

O plan galego de obesidade infantil pesará a 7.000 escolares

(La Voz, 30/6/2013) No primeiro trimestre do próximo curso escolar medirase o peso e a talla de 7.000 escolares galegos, aos que tamén se lles fará unha enquisa sobre hábitos de saúde e alimentación. Dos seus resultados preténdese coñecer a prevalencia real do exceso de peso e obesidade na poboación infantil galega. Neses datos basearase o Plan Xermola, que aspira a previr a que é a enfermidade nutricional máis prevalente en menores de 20 anos.

- ACTIVIDADES. Estímase que entre o 25 e o 30 % da poboación infantil galega presenta sobrepeso, e do 12 ao 16 %, a maiores obesidade. Galicia sitúase entre as peores comunidades de España neste ámbito.

3. OMS

Sobrepeso e obesidade infantís

¿Que son o sobrepeso e a obesidade? ¿Por que son importantes? ¿Cales son as causas? ¿Que se pode facer para loitar contra a epidemia da obesidade infantil? Calcúlase que no 2010 había 42 millóns de nenos con sobrepeso en todo o mundo, dos que preto de 35 millóns viven en países en desenvolvemento. A OMS (Organización Mundial da Saúde) cualificou a obesidade de epidemia global, e estima que no ano 2015 haberá 2.300 millóns de persoas adultas con sobrepeso e máis de 700 millóns de obesos.

- ACTIVIDADES. Os expertos calculan que o 80 % dos nenos e adolescentes obesos continuarán séndoo cando cheguen a adultos. Medidas da OMS contra a obesidade infantil. Obesidade e nutrición: http://www.who.int/dietphysicalactivity/childhood/es/

4. EXCESO DE GRAXA

Pediatría ve nenos con obesidade mórbida polo exceso de graxa

(La Voz, 6/5/2013) O estudo Galinut, realizado por pediatras da USC e do Complexo Hospitalario, observa desde 1979 un aumento constante da obesidade: «Cada vez temos máis nenos obesos, e con máis graxa corporal acumulada. Vemos incluso obesidades mórbidas na idade pediátrica. Isto ten unha repercusión moi importante sobre a saúde, porque a graxa corporal non é só un depósito de enerxía, como criamos tradicionalmente, se non que é un órgano metabolicamente activo, que produce moitas sustancias que actúan sobre o noso corpo e propician enfermidades asociadas á obesidade, sobre todo á mórbida».

- ACTIVIDADES. Evidencia deste problema é que no ano 2012 o CHUS atendeu 800 consultas de obesidade, por 600 no 2011, cun incremento do 33 % nun ano.

5. IMPLICACIÓN DA FAMILIA

Lomce... e exercicio físico

(La Voz, 13/4/2013) Señores do PP, deanse présa coa Lomce... Agora están mareando a perdiz co exercicio físico. Propoñen incrementar ata cinco horas á semana esas clases, para reducir a obesidade infantil. Na redución da obesidade infantil as familias son as primeiras implicadas, xa que han de alimentar aos seus fillos de forma racional. E as institucións, que fomenten o deporte. Non todo pode facelo a escola. (M. L.Casalderrey).

- ACTIVIDADES. «A obesidade infantil e as súas consecuencias». Guía infantil. Informe sobre causas, decálogo da dieta mediterránea, como tratar a obesidade infantil. Unha receita de cociña india para nenos. E consecuencias da obesidade nos nenos: alteracións do sono, baixa autoestima, problemas cutáneos: http://www.guiainfantil.com/salud/obesidad/consecuencias.htm

ACTIVIDADES

Imaxes de obesidade infantil.

Talvez non sexa moi recomendable a enchenta visual, pero, ademais de imaxes, móstranse esquemas, informes, pirámides de datos, gráficos que poden ser útiles para que, evitando excesos, libéresche de saír na foto, da cal, polo visto, é moi difícil saír. Basta con escribir en Google «Obesidade infantil imaxes».