Presentamos unha experiencia que nos envía Ángeles Terrón Cobo, orientadora educativa no colexio Pablo VI da Rúa, Ourense. Trátase, tal como ela nolo comenta, de facer un alfabeto humano. Cada alumno, forma co seu corpo unha letra. Alumnos estirados no chan, por exemplo, logran a palabra «PAZ», tal como a foto indica. E, atención, se cada un representa unha letra, non haberá palabra que se lle resista: sobre todo, colaborando todos os alumnos do colexio, lógranse moitas A, moitas B , moitas C, e así ata completar o alfabeto varias veces. Con tal alfabeto humano, incluso se poderá lograr o título da festa que hoxe, 30 de xaneiro, conmemoramos: Día da Non Violencia e a Paz. Pois ánimo: aí está unha suxestión para que todos poidamos, corpo a terra, encher prazas e rúas de pacíficas frases.
FESTA E MEDIACIÓN 2013
A conmemoración nos colexios
Dúas palabras crave para este día 30 de xaneiro de paz e non violencia. Son exemplos mostra do ano pasado 2012. A paz esixe moitas veces a mediación, e a mediación aumenta a que aquí chamamos festa en paz. Que sirvan de estímulo, entre outras moitas: oxalá perduren ata hoxe e que se melloren ambas no 2013. Busca en La Voz dixital, escribindo o título da noticia no buscador.
A festa en paz
? Un coro de seiscentas voces pola paz. La Voz, 31/1/2012. Onte, 30 de xaneiro, celebrouse o Día da Paz e a Non Violencia Escolar. En Ferrol, unha das actividades máis rechamantes protagonizouna o colexio Compañía de María, que sacou os seus case 600 alumnos á rúa para secundar unha manifestación silenciosa a favor da paz, na que os nenos portaron pancartas e mans brancas.
? Os nenos volveron reivindicar o seu dereito a crecer en paz. La Voz, 31/1/2012. Os nenos de Barbanza volveron reivindicar o seu dereito a crecer en paz. Este é o desexo que por desgraza aínda soa a utopía e que leva cada ano a centenares de escolares de toda a comarca a participar no Día da Paz.
? A xornada uniu outra vez a Rosalía e Gandhi. La Voz, 31/1/2012. Ao redor de 140 nenos e mozos de varios centros educativos da comarca do Sar e doutros de Santiago e Ribeira participaron onte na Casa-Museo de Rosalía de Castro no acto do Día Escolar da Paz, promovido pola fundación rosaliana e o Seminario Galego de Educación para a Paz.
Mediación
? Pola mediación nas aulas. La Voz, 23/11/2012. Dous institutos secundan un proxecto de rede contra a violencia escolar. Dous institutos da cidade, A Xunqueira I e Frei Martín Sarmiento, participan nun proxecto de ámbito galego para a creación dunha rede contra a violencia escolar.
? O Instituto negreirés implanta a mediación. La Voz, 30/3/2011. Unha representación do instituto Xulián Magariños participará o venres en Fisterra no primeiro encontro de centros escolares con servizo de mediación escolar, labor que realizan os propios alumnos, xunto a representantes doutros dez institutos de toda Galicia, baixo a organización do instituto Fin do Camiño.
Historias de Saraievo
A Concellaría de Cultura da Coruña remata estes días as actividades educativas do proxecto Ráfagas de educación para a paz. Con motivo da celebración do Día Escolar da Paz, os escolares do CEIP Zalaeta e do CEIP Víctor López Seoane da Coruña desenvolven nas aulas a actividade Historias de Saraievo, que ten como detonante as imaxes de Gervasio Sánchez sobre o cerco que sufriu a cidade durante a guerra de Bosnia, imaxes que estiveron recentemente expostas no Centro Ágora desa cidade. Os escolares, a partir da observación das fotografías, o diálogo e dinámicas de grupo, constrúen as historias dos protagonistas das imaxes e traballan aspectos como a empatía con quen sufre, o respecto á diversidade e a resolución non violenta dos conflitos dende unha perspectiva personal, a través do diálogo, a cooperación e a confianza.
ENTREVISTA | ÁNGELES TERRÓN, ORIENTADORA EDUCATIVA
O alfabeto vivente
-¿De onde saíu a idea de construír un alfabeto vivente?
-Iniciado o curso escolar 2012-2013 baixo o lema «Conéctache á vida», caeu nas nosas mans o poema de Gloria Fuertes Solo tres letras:
Solo tres letras.
Solo tres letras, la P, de
[pueblo,
tres letras nada más, la A,
[de amar,
solo tres letras y la Z
que para siempre aprenderás. De
[zafiro o de zagal.
Solo tres letras de zafiro
para escribir PAZ por un mundo
[azul.
La P, la A y la Z, de zagal, por un
[niño como tú.
Solo tres letras. No hace falta ser
[sabio.
Solo tres letras, ni tener bayonetas.
Tres letras nada más, si tú te
[aprendes bien,
para cantar PAZ solo estas tres
[letras,
para hacer PAZ.
Úsalas de mayor y habrá paz en
[la tierra.
-¿Que buscades con este xogo do alfabeto vivente?
-Máis aló da recreación das letras, estaba o tema da convivencia e a integración. Non podiamos quedarnos cunha data, cun Día da Paz... Hai que aproveitar todas as oportunidades que o curso escolar brinda: o inicio de curso con compañeiros novos, os problemas de falta de respecto entre alumnos ou entre alumnos, profesores, educadores ou persoal de servizo, as necesidades de coñecemento mutuo, temas de pelexas, insultos ou simplemente falta de entendemento. Cada foto resultou ser unha verdadeira terapia emocional; tamén un encontro. Cada letra, unha experiencia.
-¿Que resultados lograstes?
-Aínda que a convivencia escolar no colexio é boa, advírtese unha implicación e motivación dos participantes na actividade, mellorando a súa conduta social e altruísmo cara aos demais. Isto repercutiu e permitiu resolver os conflitos de xeito pacífico e áxil. O profesorado participante manifesta que estableceu relacións máis positivas co alumnado, sentíndose máis cómodos á hora de compartir as súas experiencias cos estudantes, establecendo un clima de clase máis positivo e agradable.