Máis preto das estrelas

ESCUELA

O universo descóbrese ante o público no Centro de Educación Ambiental de Vigo

18 abr 2012 . Actualizado a las 11:59 h.

Achegar o universo e a natureza dun xeito lúdico aos rapaces é o propósito que alenta o Centro de Educación Ambiental de Novacaixagalicia. Posto en marcha en Vigo no 2003, este espazo interactivo para novos e adultos ofrece aos visitantes a oportunidade de achegarse un pouco máis de preto ao que nos rodea, ás veces sen seren nós conscientes desa circunstancia e o seu valor. O medio ambiente, que está a resentirse dunha das tempadas máis secas e irregulares da historia, vese cada vez máis escaso de auga, e este é un dos elementos esenciais para o desenvolvemento da vida. A falta de auga provoca contaminación e enfermidades en todo o mundo, por iso a concienciación na que se leva décadas insistindo é un dos obxectivos deste centro que promove a participación do cidadán como conduta necesaria. Así, como se detalla na web http://www.obrasocialncg.com/noticias/mostrar/naturnova, o Centro Naturnova procura mover aos visitantes á reflexión sobre o seu papel na conservación do entorno, coa achega de solucións para contribuír a facer fronte á súa perda. Os seres humanos e a relación que mantemos co medio son o núcleo dunha das tres salas nas que se estrutura este centro ambiental; a atención céntrase nesta mostra na realidade máis próxima e inmediata. Ademais, a cámara ecoica da que dispón Naturnova ofrece a oportunidade de escoitar unha gran variedade de sons do contorno.

A Terra e os trazos que a caracterizan, como o seu solo ou a súa atmosfera, integran outro dos espazos do centro Naturnova, que permite observar a variedade de seres que habitan o planeta, un punto minúsculo da nosa galaxia afectado por diferentes fenómenos meteorolóxicos que se poden recrear no centro con axuda de diversos xogos interactivos.

Pero xa no comezo deste percorrido natural, dáse aos visitantes a ocasión de achegarse á complexidade do universo, nunha exposición nas que se explican, entre outros aspectos, as formas de movemento dos planetas e fenómenos como o nacemento das estrelas.