A lectura poténciase con contacontos e exposicións bibliográficas en Santiago
11 ene 2012 . Actualizado a las 19:27 h.Libros, camiños e días dan sabedoría ao home? e á muller. Cumprindo co proverbio, o 2012 arrinca forte na Biblioteca Fundación Novacaixagalicia, que ofrece en Compostela un completo programa de propostas en relación co libro e o saudable hábito da lectura. Dende 1974 leva esta emblemática biblioteca infantil e xuvenil, pioneira na súa actividade dirixida aos máis novos, promovendo a sabedoría entre familias galegas.
A actividade familiar é un dos piares dunha combinación gañadora de ocio e cultura que, mes a mes, abre as portas de moitos deses mundos de peculiares leis que existen fóra do que pisan todos os días os nosos pés? ou ben dentro del, deste mundo real que nos sorprende, pero sempre baixo o efecto da variña máxica da imaxinación. Álvaro Cunqueiro, que volveu nun ano (xa pechado) de homenaxes polo centenario do seu nacemento, deixou claro que non existen fronteiras entre a ficción e o mundo real.
¿Cal é o mundo real cando un escoita un relato que o atrapa? As sesións de contacontos que habitualmente organiza a Biblioteca da Fundación Novacaixagalicia son un modo de poñer a proba a capacidade dos rapaces para, amais de ficar sentados sen problema, tirar do fío da narración oral.
Paula Carballeira é unha das narradoras habituais da Hora do Conto, que adoita reunir rapaces de entre 3 e 8 anos ao carón de peripecias e lendas. A forma en que se contan é, dende logo, definitiva. Como referendo está a historia. No caso desta biblioteca dirixida a nenos e mozos, cabe subliñar a súa atención á incorporación das novas tecnoloxías a partir dos anos oitenta e tamén a promoción dos programas de animación cultural, con obradoiros de teatro, xincanas literarias, faladoiros e exposicións bibliográficas dos seus fondos. Rosalía e Castelao son dúas das grandes figuras presentes nas iniciativas da biblioteca, que no ano 2007 trasladou as súas dependencias dende o casco histórica de Santiago a un local na rúa Frei Rosendo Salvado. A Nova 33 converteuse entón na Biblioteca da Fundación Caixa Galicia, un lugar no que a paixón pola lectura segue gañando espazo.