Ana Pontón: «A chamada nova política está a defraudar a moitas persoas»

Mario Beramendi Álvarez
mario beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Sandra Alonso

A líder do grupo parlamentario anuncia o obxectivo de facer unha oposición «firme e con ideas»

30 sep 2016 . Actualizado a las 11:31 h.

Na súa vila logrou que a votaran algo máis dun milleiro de veciños. Un éxito, di ela, quen cre que os seus respondéronlle. Ana Pontón (Sarria, 1977) volveu estes días á súa casa para descansar coa familia e cos amigos.

-Que lle dixeron os seus pais?

-Eles están moi orgullosos. E eu tamén deles, que sempre me apoiaron moito.

-Coa perspectiva dos días, como veu a campaña?

-Foi moi ilusionante: o que sentía e palpaba no día a día é que había unha enerxía moi positiva arredor do BNG, con moitas persoas apoiando.

-Non chegou a estar desanimada cando as enquisas lles daban mal?

-Son unha persoa moi optimista. E sempre digo que as enquisas son enquisas. Non son a realidade.

-Iso é o que se di sempre...

-O que acontece é que eu teño unha convicción. E a realidade me reafirma no que digo. A min o que me valía era o entusiasmo que se estaba a xerar ao noso arredor. Acertamos deixándonos levar pola nosa intuición e non polo que apuntaban os sondeos.

-Que aconteceu para que houbera unha diferenza tan brusca entre o desenlace final e as expectativas iniciais?

-Fixemos algo diferente. E iso axudou a que moitas persoas nos visibilizaran nun entorno onde a xestualidade non é o que se agarda de quen representa unha opción política. Hai un retorno a valorar os principios, a coherencia e os proxectos definidos e sólidos.

-Por que pensa iso?

-Houbo alternativas que están xerando desencanto ao seu arredor. A chamada nova política, e falo tanto de Ciudadanos como de Podemos, fixo que esa etiqueta perdera certo sentido. Están defraudando a moitas persoas porque máis alá dun primeiro impacto despois ten que haber proxecto e seriedade.

-Mete tamén no saco ás mareas?

-Creo que as mareas teñen unha vinculación clara con Podemos. Eses cambios sociais que se produciron na sociedade xeraron debates interesantes, pero cómpre aclarar que o nacionalismo nunca formou parte do sistema bipartidista tan criticado por eles.

-Ao mellor o electorado visualizou ao BNG como unha forza do sistema...

-Nós viñamos de sufrir problemas internos dentro da organización. Quizás non fomos capaces de ter a suficiente habilidade para anticipar ou ler ben os cambios que se estaban a producir na sociedade e facer os reaxustes necesarios. Creo que agora iniciamos unha nova etapa.

-Marca o debate da galega un antes e un despois na carreira do 25S?

-Tivo un impacto, axudou a xerar un entusiasmo. Pero o éxito desta campaña é un éxito colectivo. E un éxito de todas as persoas que se mobilizaron, dende simpatizantes a militantes, da xente que decidiu aportar o seu grao de area. Houbo un gran traballo en equipo.

-Algunhas voces do nacionalismo críticas coa actual dirección apuntaron que o éxito do BNG obedece a que renunciou a que se aprobara na asemblea de febreiro...

-O que me está transmitindo moita xente e que nesta campaña o que fixemos foi recuperar ao BNG cun discurso nacionalista adaptado a século XXI, cunha linguaxe nova e fresca.

-Pode a crise do PSdeG ou as tensións das mareas axudar a que vostede se visualice como a líder da oposición?

-Os méritos dunha organización e os méritos das persoas a nivel particular non teñen que ver cos deméritos dos demais senón cos nosos acertos.

-Como ve o que está a acontecer no PSOE?

-Se só fora a crise dun partido, o normal sería non opinar e ser respectuosos. Pero non é así. Agora agroman tres cuestións: a crise do réxime de 1978, os intereses económicos por consolidar un Goberno da dereita e a incapacidade da esquerda para poñerse de acordo.

-Que lle pareceu o tuit do deputado de En Marea Miguel Anxo Fernán Vello?

-Teño por costume non confundir quen son os meus inimigos políticos. Ese comentario é ofensivo para min como galega porque reproduce uns tópicos e uns prexuízos moi negativos para o noso pobo. Creo que hai que asumir máis responsabilidades dos erros da política.

-Entón cre que debe dimitir?

-Non digo nin que si nin que non. Si penso que hai que asumir cun maior grado de responsabilidade as cousas que se din cando un é un cargo público.

-Segue molesta con Xosé Manuel Beiras?

-Nunca estiven molesta con Beiras. Procuro non levar o político ao persoal. Nin o persoal ao político. Para min Beiras é unha persoa que politicamente me decepcionou hai xa tempo.

-Fale do futuro. E agora qué?

-Temos o reto de liderar unha oposición firme contundente e con ideas. Xeramos unha ilusión que temos que canalizar co obxectivo de construír unha alternativa sólida.

-Fóra xa do Hórreo, ¿que pretenden? ¿Refundar o BNG ou o nacionalismo?

-Nós non podemos refundar o que non está na nosa organización. Pero hai unha política de portas abertas, un proceso en marcha.

-Ou sexa, que hai un obxectivo de reunificar...

-Esa ten que ser unha das claves do futuro.

-E iso pasa por revisar a marca ou modelo de organización para atraer aos que marcharon?

-Hai un proceso aberto e democrático en marcha e eu non podo anticipar o final. Sería algo pretencioso pola miña parte. O BNG non pode ser o dos anos 80 ou 90, si ten que ser algo distinto. Iso téñoo moi claro.