Xoaquín Fernández Leiceaga: «Dialogarei por unha Xunta estable, sólida, eficaz e que poida durar toda a lexislatura»

«Se o Partido Socialista lidera o cambio, vai haber cambio; se non o lideramos nós, é moito máis difícil»

Xoaquín Fernández Leiceaga: «No que vai de ano teño lido entre 50 e 60 libros» Entrevista a Xaquín Fernández Leiceaga, candidato del PSdeG a la Presidencia de la Xunta

santiago / la voz

 Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) vese presidindo un multipartito alternativo ao PP, pero evita aclarar que fará se o PSdeG é terceira forza o domingo.

-Peche os ollos, sitúese no 26S e soñe un pouco. Describa que ve.

-Vexo un Goberno alternativo ao do PP presidido por un socialista.

-¿E que tres primeiras medidas vai adoptar ese socialista?

-Un programa para incorporar a dez mil mozos cada ano ao mercado laboral cunha bonificación a empresas, un plan contra a pobreza infantil que beneficiaría a 40.000 familias e, con desenvolvemento en toda a lexislatura, un programa de recuperación dos servizos públicos básicos.

-Ese programa de «recuperación dos servizos» aumentado o gasto público está deseñado sobre a base dun crecemento económico sostido dun 2,5 %. ¿E se a economía se desacelera?

-Pois teriamos máis problemas para financiar o que queremos e mesmo as necesidades serían maiores. Pero eu espero que co programa de política económica que temos para apoiar aos sectores produtivos ese crecemento incluso se acelere un pouco.

-¿Non hai plan B?

-Non nos poñamos nese escenario, porque iso non é o que indican os organismos internacionais sobre España e Galicia.

-Para chegar aí antes precisa votos polos que compite con En Marea. ¿É ese partido unha «suma de decepcións» ou un «conglomerado de siglas sen proxecto», como sostén Pedro Sánchez?

-É un partido que aínda está á busca dunha definición precisa, constituído moi recentemente e que necesita madurar. Se temos a oportunidade de que colabore con nós na construción dunha Galicia diferente, iso vaille obrigar a facer unha maduración intensa e moi rápida.

-Vailles facer un coaching...

-[Rindo]. É o que imos precisar para impulsar unha Galicia diferente á que construíu o PP.

-Dende fóra, dá a impresión de que vostede e Sánchez, xuntos nos actos, fan en realidade dúas campañas en paralelo: el zóupalle a En Marea mentres vostede respecta unha especie de pacto de non agresión. ¿É así?

-Eu o que fago é intentar explicar o meu proxecto. Nós acordamos dende un principio facer unha campaña en positivo, propositiva, onde contraste a Galicia destes anos do PP coas medidas que nós queremos impulsar. Temos que explicar que hai dous camiños: o do PP e o noso.

-No seu partido, en conversas informais estes días entre dirixentes e exdirixentes, fálase de que tal vez debera dar un golpe na mesa, marcar certa distancia, como Touriño fixo na campaña do 2009 co BNG. ¿Vaino dar?

-Con independencia de que poida haber acentos un pouco diferentes, a nosa campaña ten que manter a mesma liña ata o final porque iso é o que xera máis confianza para os cidadáns e estabilidade. Non se entendería nos últimos días que fixeramos un viraxe moi pronunciado.

-¿Bota en falta maior implicación de todo o partido na campaña?

-Nestes días estou observando un compromiso militante moi firme, moi sólido e moi xeral, cunha intensidade dende logo superior á que houbo na campaña das xerais.

-Fala da militancia. ¿Como describiría, por exemplo, o grao de apoio de Abel Caballero?

-Non vou entrar en descricións das condutas doutras persoas do meu partido, de ningunha delas. Tivemos un acto en Vigo moi intenso, moi cálido, moi fervoroso, con moita entrega tanto do público como dos participantes, como Carmela Silva, Abel Caballero ou Abel Losada. Non teño ningunha pega que poñer a ese comportamento, ao contrario.

-¿Aceptaría a Luís Villares como vicepresidente da súa Xunta?

-As negociacións precisas sobre a formación de Goberno teñen que vir despois. Nós, se hai datos para iso, imos tender a man para establecer un diálogo e unha negociación que deben permitir conformar unha Xunta estable, sólida, eficaz e que poida durar toda unha lexislatura. Non vou poñer ningunha traba inicialmente a nada, pero tampouco vou adoptar ningún compromiso sobre nada.

-¿E faría presidente a Villares?

-O que indican as sondaxes é que hai unha maioría suficiente para derrotar a Feijoo e tamén que os galegos prefiren que esa maioría a encabece o PSOE. Estou seguro de que o Partido Socialista é quen vai liderar esa maioría e, por tanto, non vou ter que dar unha contestación a esa pregunta.

.«Somos a garantía do cambio político en Galicia», deixou escrito.
«Somos a garantía do cambio político en Galicia», deixou escrito.

-Doutra forma: no caso de que Feijoo perda a maioría absoluta, ¿favorecerá o PSOE si ou si, con independencia do lugar que ocupe nel, un Goberno alternativo?

-Xa lle contestei.

-Non.

-Xa lle dixen: vai haber un cambio, e nós o garantimos porque vai estar presidido polo PSOE.

-Non está a responder.

-Eu creo que si.

-¿Non teñen dereito os galegos a saber que fará vostede cos seus votos tralas eleccións antes de decidir se llos dan ou non?

-Hai hipóteses que nós non contemplamos porque cremos que non responden á realidade.

-Explique entón que significa esa frase que ten lanzado nas últimas horas: «En Galicia haberá cambio se o lidera o PSdeG».

-Explicouno ben este luns Emilio Pérez Touriño...

-O candidato é vostede...

-Emilio Pérez Touriño indicou que, cando os cidadáns perciben que o cambio o vai liderar o Partido Socialista, hai cambio. Porque nós xeramos máis confianza, somos máis previsibles. Porque temos unha historia detrás, un compromiso institucional en España e en Galicia que outros partidos non teñen... E iso é o que significa: se o Partido Socialista lidera o cambio, vai haber cambio.

-¿E se non?

-Creo que é moito máis difícil.

«Creo que a situación de España non debe formar parte do debate político en Galicia»

Leiceaga elude falar do seu futuro máis alá do 25 de setembro.

-¿En que acertou o bipartito?

-Tivo moitos acertos: o de construír unha boa parte do sistema público de sanidade e de educación que temos hoxe, o de protexer o territorio coa lei dos 500 metros, o de impulsar a igualdade de homes e mulleres no traballo, o da gratuidade dos libros de texto, o de impulsar a través do banco de terras un instrumento de xestión das terras abandonadas para favorecer as explotacións que necesitaban terras en aluguer... E así sucesivamente.

-¿E que erros cometidos polo bipartito non se repetirían nun hipotético multipartito no que vostede estivera integrado?

-Aspiro a aprender do pasado. A sensación de que había dúas almas naquel Goberno prexudicouno e, por tanto, eu faría unha aposta decidida por que houbera unha única acción de goberno firme, estable, sólida...

-¿A fórmula para iso?

-Un diálogo previo moi intenso non só sobre o programa de goberno, senón sobre o calendario de aplicación de medidas e o seu financiamento, discutindo previamente para non ter que lamentar despois non telo feito.

-¿Faría bandeira ese Goberno do dereito a decidir?

-En absoluto, para nada. Nego que iso forme parte nin sequera da axenda da campaña.

-Como mínimo, forma parte do programa electoral dos seus posibles socios: En Marea e BNG.

-Nós levamos no noso programa unha reforma do Estatuto de Autonomía para adecualo aos novos tempos e creo que sobre esa base podemos discutir.

-¿Unha reforma para...?

-Hai que adecualo para que sexa un texto de consenso. Hai correntes políticas que non se senten representadas no Estatuto e que deberían estar. Ademais, se nós xestionamos a sanidade, a educación e os servizos sociais, hai determinados dereitos que deben estar recollidos aí e que non están. E tamén necesitamos responder a retos que no momento en que foi redactado non estaban presentes, como son as nosas relacións con Europa, por exemplo.

-¿Optará á secretaría xeral do PSdeG despois das eleccións?

-Non contemplo nada que vaia máis alá do 25 de setembro.

-Din de vostede que é previsor...

-Ata o 25 setembro. A partir de aí, non vexo nada máis. Deixémolo para entón, que é máis útil.

-¿Que vai pasar en España?

-Non o sei. Despois do 25 de setembro falaremos.

-Parece vostede Sánchez...

-[Rindo]. É que estou concentrando todas as miñas enerxías nisto. Non teño tempo para máis.

-¿Prexudícalle ou benefícialle que se fale nesta campaña do bloqueo en España?

-Creo que a situación de España non debe formar parte do debate político en Galicia, porque aquí temos unha situación de emerxencia en moitos ámbitos e deberiamos estar centrados en discutir como resolver esa situación.

-Pois Sánchez, cada vez que vén a Galicia nesta campaña, mete a España no debate...

-El exerce como secretario xeral do PSOE e, sen dúbida, as súas palabras teñen eco en Galicia e en toda España, como sucede con Mariano Rajoy cando vén aquí.

-Nestes momentos, para vostede, ¿é Pedro Sánchez una mochila nas costas cargada de pedras ou un trampolín?

-Nin o un nin o outro. É o secretario xeral do partido en España.

-Os baróns dese partido non pasaron por aquí para apoialo. ¿Non os quixo o non quixeron vir?

-Eu quixen facer unha campaña centrada en Galicia por respecto aos cidadáns de Galicia. Trouxemos a Ángel Gabilondo como experto en educación, pero nada máis. Interesábanos que se discutiran os temas de Galicia: como resolvemos o emprego, a sanidade, o leite, o mar, a rexeneración das rías... Eses son os temas que interesan aos galegos.

«No que vai de ano teño lido entre 50 e 60 libros»

-¿Canto diñeiro ingresou o ano pasado?

-Uns 3.300 euros mensuais, máis algúns ingresos profesionais non regulares.

-¿Que patrimonio ten?

-Un piso, un coche, unha finca herdada e outra comprada.

-¿Ten fumado porros?

-Algunha calada hai anos.

-¿Colabora con algunha ONG?

-Nestes momentos, non.

-¿Cantos libros ten lido este ano?

-Digamos 50 ou 60.

-¿Cantas veces ten doado sangue este ano?

-Ningunha

-¿Estivo no paro algunha vez?

-Non.

-¿Cantos traballos tivo na súa vida?

-Tres ou catro diferentes.

-¿Cantas horas durme cada día?

-En condicións normais, cinco ou seis; nesta campaña, algo menos.

-¿Bebe alcol? ¿Fuma?

-Algún viño ou cervexa, sobre todo as fins de semana. Non fumo.

-¿Como se chama ou chamaba a discoteca da súa vida?

-Yohakin [en Santiago].

-¿En que animal se reencarnaría?

-Eu creo que en ningún. Preferiría un ser humano.

-¿Que reto persoal pendente ten na vida?

-Cruzar o Atlántico nun veleiro.

En 3 palabras

-Alberto Núñez Feijoo: Fachada sen contido

-Luís Villares: Pouca experiencia política

-Ana Pontón: Unha parlamentaria eficaz

-Cristina Losada: Unha descoñecida para min

A miña porra

-PP: Por debaixo da absoluta.

-PSOE:Magnífico resultado.

-En Marea: Menos que nós.

-BNG: Un resultado razoable.

-Ciudadanos: Non o vexo.

-Outros: Non creo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Xoaquín Fernández Leiceaga: «Dialogarei por unha Xunta estable, sólida, eficaz e que poida durar toda a lexislatura»