Foi profesor de matemáticas e na suma dos pactos di que non lle vale calquera
16 may 2015 . Actualizado a las 10:19 h.Dous máis dous son catro. En política a conta complícase. Na ecuación entran as relacións, a sensibilidade... Coméntao Evencio Ferrero (Carballo, 1955), que foi mestre de Matemáticas en institutos de Carballo e Coristanco durante máis de vinte anos. Pero desde o 2003 é o alcalde de Carballo.
-¿Bota de menos as aulas?
-Non. Desfrutei moito pero cando o deixei non notei ese baleiro.
-Din que o mundo futuro é dos matemáticos. Cálculos, algoritmos de redes sociais...
-Teño moita querenza polos números, aportan rigor. Si que hai esa tendencia dos cálculos e algoritmos. Pero tamén hai que ter conta que determinadas ciencias económicas fallaron.
-Aos político bótaselles en cara que na crise non sempre son sensibles.
-Algún si. Hai que estar máis en contacto coa xente.
-¿Como ve o auxe dos novos partidos?
-Obedece a varios factores. Hai aspectos da vida pública que son bochornosos. Os casos de corrupción, de diñeiro oculto... É indigno e inmoral cando hai familias que teñen dificultades para facer a súa vida ordinaria. Hai alternativas que intentaron conectar cos indignados e emerxeron. Teñen que ter un sustento, obedecer a unha necesidade da sociedade de construír algo diferente. Está por ver se a sociedade rompe determinados modelos ou se son circunstancias de soufflé. Pero é necesario que o escenario político sexa máis reflexo da sociedade, que ten unha gama cromática moi diversa. Iso enriquece sempre que non se perdan as raíces.
-¿Ve as tertulias políticas?
-Cando vexo a televisión, escapo sempre dos debates políticos.
-Un dos retos en Carballo, como noutros sitios de Galicia, é a loita contra o feísmo.
-Doe moito que, hai pouco menos dun século, Carré Aldao escribía un estudo de xeografía de Galicia no que citaba a Carballo como exemplo urbanístico entre as vilas galegas. Nos anos setenta, Carballo viu desaparecer grandes fitos urbanísticos. A dereita da desfeita derrubou o antigo Concello, a antiga igrexa, os baños vellos... E todo o que se construíu foi peor. Carballo construíse como un pobo de aluvión. Hai municipios que nos gañan. Pero no urbanismo tócanos xestionar a lexítima curta. Pero intentamos facer de Carballo un bo lugar para vivir.
-Hai moitas vivendas baleiras. Tivo polémica por aplicarlles a taxa da recollida de residuos.
-O recibo de Sogama subiu un 34 %. Para algunhas familias é un drama pasar dos 64 aos 92 euros. Nós optamos por cobrarlle a aqueles propietarios de vivendas nas que se pode vivir.
-Custoulle protestas no pleno.
-Somos volterianos. As palabras nunca son temibles. Estamos polo debate das ideas. Sempre defendo a liberdade de expresión con palabras. Tiveron voz colectivos contrarios ao goberno, con pancartas, algunhas ofensivas. Nunca lle retiramos ningunha.
-É difícil o equilibrio entre o escrache e a lei mordaza.
-Coa lei mordaza algunhas das persoas que protestaron nos plenos terían prisión perpetua. É un exceso. O lexislador nunca ten que terlle medo ás palabras. Tampouco é lóxico o acoso a familias.
-Igual ata é diplomático de máis.
-Intento entender aos outros. Chámase empatía. Polo que se ve, no salón de plenos non o consigo. Eu penso que todos queremos o mellor para o noso municipio.
-¿Pactaría con calquera?
-Non. Falaría con calquera. Pero non podemos pactar con calquera. Temos boa relación persoal con todos. Pero os marcos en política teñen que estar definidos.
-¿Como ve as perspectivas do BNG cos novos partidos?
-Temos que traballar para seguir mantendo a confianza do electorado, máis alá dunhas municipais. O BNG fixo un esforzo para reinterpretar a realidade. Temos que resintonizar coa sociedade.
-¿Poden ser políticos coma vostede boas antenas para resintonizar?
-Tiven responsabilidades orgánicas nos noventa. Dediqueille ao nacionalismo varias décadas da miña vida, non se me pode pedir máis. Estou cada vez máis centrado na miña tribu, que é Carballo.
-Lévase ben coa Igrexa.
-Coñezo ao cura párroco de Carballo desde hai máis de corenta anos. A Igrexa está facendo en Carballo un papel social inigualable protexendo aos desamparados sen mirar a filiación relixiosa. Ten iniciativas que merecen o apoio do goberno local.
-Din que o perde o balonmán.
-Si. Gústame o deporte en vivo. Nunca fun deportista, pero si xestor. Fun un dos pais do Xiria.
Máis persoal
-A materia que se lle atascou.
-Lingua española. Eu sempre desfrutei cos números e coa música.
-Unha cidade distinta da súa.
-Estambul.
-¿As últimas vacacións?
-No Algarve.
-¿Ten mascotas?
-Non.
-En poucas palabras, Miguel Ferreiro, candidato do PP en Carballo.
-Asumiu riscos innecesarios
-Xavier Vence
-Con capacidade de crear empatía.
-Pablo Iglesias.
-A verdade é que nunca o escoitei. Segue sendo un político alleo ao meu universo.