Magdalena Pérez: «A esquerda é un cóctel, non sabes a quen votas»
ELECCIONES GALLEGAS 18F
Móstrase orgullosa de representar a Porto do Son na candidatura popular para as autonómicas
15 feb 2024 . Actualizado a las 20:35 h.Aínda que en maio non saíu reelixida concelleira, Magdalena Pérez segue participando activamente na política municipal, e agora tamén na autonómica como número 19 da lista do PP. Asegura que teme o que pode pasar se os populares perden a maioría absoluta, e anima a apostar pola estabilidade.
—Que supón participar nunha candidatura deste tipo?
—Vívoo con moita ilusión, estou con moitas ganas e moi orgullosa de que contaran comigo para ir nas listas e para representar a Porto do Son.
—O martes houbo un acto multitudinario en Noia, é unha demostración da fortaleza do PP nesta recta final da campaña?
—Si, a xente está animada, apóianos e non ten medo. Houbo un momento en que dicir que eras do PP parecía algo malo, sobre todo entre a xente nova, e agora vemos que si, que hai canteira e que a xente aposta cada vez máis por unha moderación real, tanto xente maior como mozos. Imos medrando como partido e, igual que Galicia, imos mellorando. E é evidente que hai dúas opcións: ou votar ao PP ou votar a unha esquerda que é un cóctel, non sabes nin a quen votas. Entendo que haxa xente de ideoloxía de esquerdas, pero a esquerda de hoxe non ten nada que ver coa de hai uns anos, agora o que vexo son radicais.
—É un pouco o que dixo Feijoo en Noia, ou o Partido Popular ou o caos...
—É que vai ser un caos, porque non sabes quen leva a batuta na esquerda, non sabes realmente o teu voto a onde vai ir... E isto non se trata de ideoloxías, trátase de mirar polo ben público, que é o que nós facemos, e presentámonos ás eleccións sen estar pensando en que temos que pactar para gobernar. Gañar imos gañar, pero como non teñamos a maioría suficiente non nos van deixar gobernar, por iso temos que mobilizar a todo o mundo. E a xente que non se identifique con esta esquerda que deixe a un lado a ideoloxía e aposte pola estabilidade, que aposte polo PP de Rueda.
—Cales son as principais liñas políticas?
—A liña de sempre. Apoiar ao sector do mar e intentar manter a agricultura e gandería que temos; potenciar a industria porque necesitamos producir, non podemos depender só do turismo; e as políticas sociais, con especial atención á dependencia, como esa axuda de 5.000 euros que acaba de implantarse.