O futuro da demografía en Galicia: políticas de compromiso

Carmen Sampayo David FIRMA INVITADA

ELECCIONES GALLEGAS 18F

Gente paseando por la calle, en una imagen de archivo
Gente paseando por la calle, en una imagen de archivo MARCOS MÍGUEZ

13 feb 2024 . Actualizado a las 17:37 h.

Empregando un símil xurídico, o problema demográfico na nosa comunidade leva anos sendo obxecto dunha ignorancia deliberada ou cegueira voluntaria por varios motivos derivados, seguramente, de que para afrontalo precísanse políticas non curtopracistas, de implementación progresiva e de retorno lento e diferido no tempo. Non quero dicir que non existan iniciativas deste tipo, que as hai, senón que non se observa un compromiso de calado co problema demográfico que existe neste país porque, se o houbese, as propostas políticas, económicas, laborais e sociais estarían deseñadas cun obxectivo común: evitar que se cumpra a proxección estatística prevista para Galicia para os vindeiros anos.

Actualmente é bastante complexo reverter a tendencia demográfica, sobre todo no que refire á fecundidade, pero hai que procurar solucións aos retos, ameazas e oportunidades que traen consigo o incremento da esperanza de vida e o envellecemento da poboación, así como os movementos migratorios. Aumentar a taxa de fecundidade das mulleres pasa por aplicar políticas efectivas de igualdade de xénero, de conciliación e de fornecer os máis novos do preciso para reter o talento xuvenil e facer da nosa comunidade un sitio atractivo para vivir dotando o colectivo dun parque de vivenda accesible.

O incremento da esperanza de vida, o envellecemento da poboación, a dependencia e os coidados precisan dunha planificación de recursos públicos e privados. Os movementos migratorios, a recepción de persoas doutros países e o retorno dos emigrantes ten que ser obxecto de políticas especiais en materia económica e laboral. A contratación en orixe dos traballadores ten que ocupar o goberno de calquera Administración, temos que ser acolledores para todos os niveis, pero Galicia ten que ser capaz de recibir talento e traballo cualificado con alta produtividade. Sen esquecer a análise do impacto económico e ambiental dos movementos de poboación do interior á costa, do medio rural ao urbano, provocando o que xa moitos constatan: a existencia de dúas Galicias:  unha occidental, dinámica e costeira, e outra oriental, interior e avellentada.