Marta Lois: «Se hai cambio en Galicia tras o 18F, poñeremos un tope ao alugueiro»

César Rodríguez Pérez
C. RODRÍGUEZ REDACCIÓN / LA VOZ

ELECCIONES GALLEGAS 18F

A candidata de Sumar Galicia respondeu as preguntas dos subscritores de La Voz: «Necesitamos ter políticas que permitan a conciliación e tempo para a vida»

06 feb 2024 . Actualizado a las 22:07 h.

A candidata de Sumar á Xunta de Galicia, Marta Lois, participou no primeiro dos encontros con subscritores que organiza La Voz de Galicia na campaña das eleccións do 18F.  Os asistentes puideron facer as súas preguntas á política galega (Vigo, 1969), que chega á escena autonómica tras ser portavoz de Sumar no Congreso. Di que arrancou esta carreira electoral con «boas vibracións» e «esperanza dun cambio político». Estas foron as preguntas que lle fixeron os subscritores.

Que significaría para Galicia ter un Goberno de mulleres?

—Eu creo que unha Galicia territorio das mulleres, que levamos no noso programa, sería un Goberno á altura do século XXI. É o tempo de que as mulleres tamén poidamos estar en espazos de visibilidade pública e de toma de decisións. Somos fundamentais. Necesitamos ter políticas que permitan a conciliación, que permitan ter tempo para a vida. Un Goberno das mulleres é un recoñecemento á importancia que temos. Fomos as que paramos un Goberno de Abascal e de Feijoo no Estado. Queremos políticas útiles. Somos moi pragmáticas.

—Vostede propuxo a creación dos «centros de alta resolución» na sanidade. En que lugares?

A idea é sinxela é útil. Son uns dispositivos hospitalarios que están a medio camiño entre o que son os centros de atención primaria, que a día de hoxe están saturados, e os hospitais. Rueda e o PP non se queren decatar de que é unha das principais carencias hoxe. É a primeira vez que temos lista de agarda para o médico de familia. E, logo, están as listas dos hospitais. Estes centros de alta resolución comarcais serían unha sorte de hospitais sen camas. Poderían atender especialidades. Evitarían desprazamentos aos grandes hospitais e reducirían a sobrecarga dos centros de saúde para que nos puidesen atender nun máximo de dous días.

—Que áreas da atención sanitaria priorizaría nese plan?

—Partindo da base de que o PP durante estes catorce anos o único que fixo foi unha aposta clara por privatizar e desmantelar a sanidade pública, necesitamos mellorar a atención primaria e ter dispositivos en todos os centros para atender a saúde mental, que ten que deixar de ser un tabú. Cada día hai unha persoa que se suicida en Galicia. Estes datos deberíannos facer reflexionar: ten que estar na axenda si ou si.

—Que lles diría aos que dubidan entre votar a Sumar ou ao BNG?

—Levamos un programa moi ambicioso e moi específico en moitos ámbitos. As políticas que estamos levando a cabo no Goberno do Estado non son palabras, son feitos. Nós cumprimos. Sumar Galicia céntrase nunha axenda social, laborista e feminista. Temos unha traxectoria de solvencia e seriedade. Hai un 43,2 % dos galegos e galegas con dificultades para chegar a final de mes. A gran maioría da xente moza do noso país non se pode permitir marchar da casa dos pais porque non pode pagar un alugueiro. Se hai un Goberno do cambio, nos comprometemos a que Galicia, despois de Cataluña, sexa o segundo lugar onde lle poñamos tope ao alugueiro. Optamos por políticas concretas e útiles que melloran a vida da xente. Nós non lle preguntamos a ninguén de quen vén sendo, de onde vén e se ten pedigree político ou identitario. Esa é a nosa carta de presentación. Cremos que é distintiva do BNG.

—Que medidas tomarían para evitar que marchen os máis novos?

—Un tema importante é o da vivenda. Outro é a perda de talento, a cantidade de mulleres e de homes que marchan por falta de oportunidades. No noso programa levamos unha medida: traer de volta en catro anos a mil investigadores. Tamén hai que mellorar as condicións laborais, buscar empregos de calidade e industria verde para que os que estudan non teñan que marchar.

—Cre que hai un conflito co bilingüismo? É partidaria do ensino só en galego?

—Creo que o dereito ao uso do galego na escola pública pasa por derrogar o decreto do plurilingüismo e por apoiar de maneira máis seria e decidida o galego. Coñezo moitas familias nas que os fillos, que son galegofalantes na casa, deixan de selo pola falta de uso da lingua na escola.

—Cal é a ratio nas aulas que propón Sumar? De onde sairá o diñeiro para conseguilo?

—Cando queremos fortalecer servizos esenciais, como a educación, temos que falar de impostos. Sobre a quen teñen que ir dirixidos, en Sumar Galicia, témolo claro: ás persoas máis ricas. 

<span lang= gl >Marta Lois, cos xornalistas Gladys Vázquez e Rubén Santamarta nos encontros cos subscritores de La Voz de Galicia</span>
Marta Lois, cos xornalistas Gladys Vázquez e Rubén Santamarta nos encontros cos subscritores de La Voz de Galicia VÍTOR MEJUTO

«Estou convencida de que Sumar vai ser decisiva para o cambio»

Marta Lois é clara ao defender un tripartito na Xunta.

—Baixo que condicións facilitaría Sumar unha coalición?

—A condición para facilitar o acordo é ser coprotagonista e construír un Goberno a tres. Teño experiencia de xestión. Non queremos estar para facerlle oposición a Rueda. Temos un programa e unhas liñas moi importantes. Falariamos sobre elas con vontade de chegar a acordos.

—Que pasaría se non acada un escano? Seguirá en política?

—Non contemplo esa opción. Estou chea de ilusión e de esperanza. Estou convencida de que Sumar Galicia vai ser a forza decisiva para ese cambio histórico. Non é soberbia. É confianza.

—Que proposta ten Sumar, unha forza estatal, para facer política en clave galega?

—Teño experiencia. Estiven catro anos gobernando na capital. Non veño con modelos centralistas, senón con políticas de país.