Unha das capacidades marxinada polas tendencias pedagóxicas de finais do século pasado foi a memoria. Primeiro, porque se confundiu con memorismo, de xeito similar a como ocorreu con autoridade e autoritarismo; e segundo, pola súa suposta oposición ao razoamento lóxico. Igual que en tantas outras cuestións, no ámbito educativo temos pasado dun extremo a outro, sen unha previa investigación rigorosa. Certo é que en tempos non moi afastados a memoria prevalecía sobre calquera outro método de aprendizaxe, e os alumnos víanse obrigados a memorizar contidos innecesarios e, sobre todo, sen comprensión previa. Pero non tiña sentido dar un bandazo e reformar os currículos oficiais, enchéndoos de habilidades e competencias, en menoscabo de capacidades esenciais na aprendizaxe, pois abondaba con corrixir concepcións erróneas dunha educación tradicional, que tamén tiña cousas boas.
Pero, neste marco de reformas pedagóxicas, xurdíronlle máis inimigos á memoria. Co incremento de materias, a sobrecarga dos programas oficiais e a rixidez dos horarios consecuentes, a lectura deixou de ter prioridade na aula e, xa que logo, perdeuse comprensión, velocidade e hábito lector, piares imprescindibles para o avance académico do alumno. Os mestres víronse obrigados a reducir drasticamente o tempo dedicado á lectura silenciosa e repousada, facendo resumes, respondendo a preguntas e relacionando conceptos, actividades esenciais para facilitar a comprensión e a asimilación. Aínda peor, os alumnos perderon capacidade de atención e de concentración, como consecuencia desa obsesión por abranguer moito pero apertar pouco.
Nos anos da educación primaria (6 a 12) hai un aumento constante da memoria, que se agudiza na ESO (entre 12 e 16), e polo tanto resulta fundamental que as súas fases sexan potenciadas ao máximo na aula: fixar ben os conceptos, ser tenaces na súa retención e fieis no recoñecemento e reprodución. Retense mellor o que se comprende ben e se aprende de xeito activo, pero tamén é necesaria a memoria mecánica, mercé a cal se fixan na mente, sen necesidade de previa comprensión, nomes, cifras, fórmulas ou definicións, que deben ser reproducidas con exactitude no momento preciso. Para conseguilo requírese algo tan esencial como esquecido nestes tempos: a repetición. É unha actividade que potencia o desenvolvemento da memoria pero require esforzo e constancia, de maneira que cantas máis veces se empregue, e canto menos tempo pase entre elas, mellores resultados dará. Son de grande axuda os nexos asociativos ou métodos mnemotécnicos.
Hai coincidencia entre os especialistas en que as persoas con máis coñecementos na memoria teñen máis capacidade cognitiva, resolven mellor os problemas e teñen máis resistencia ao envellecemento cerebral e ao alzhéimer. Pero ademais, mentres non se demostre outra cousa, está facultade, acompañada dunha boa comprensión lectora, segue a ser decisiva para o éxito académico, profesional e mesmo persoal. Os sistemas de avaliación continua, con pouca carga de memoria, conviven cos que a consideran prioritaria, como son os exames de coñecementos, as oposicións ou outras varias actividades. Polo tanto, se non se cultiva a memoria nas etapas escolares, é seguro que chegará un momento no que se bote realmente en falta.