O mellor está por vir

Xosé María Varela O FARO

EDUCACIÓN

Reencontro especial en Cabana, o pasado mes de setembro, pola xubilación de Xosé María Varela
Reencontro especial en Cabana, o pasado mes de setembro, pola xubilación de Xosé María Varela ANA GARCIA

O profesorado segue sendo creativo e humano, e as novas xeracións chegan con curiosidade e conciencia

18 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Fun alumno nos anos sesenta e setenta, nunha escola humilde, ás veces fría e escura con nenos de diversas idades, pero chea de significado. Lembro as carteiras de coiro, a pizarra e o pizarrillo, o riscar da tiza ou aqueles mapas da cantarea da táboa de multiplicar e aquel silencio respectuoso cando entraba o mestre.

A educación, aínda que ríxida e memorística, era unha fiestra aberta ao mundo e unha esperanza para familias como a miña, que soñaban cun futuro mellor para os seus fillos.

Nos oitenta empecei a miña traxectoria como docente, e a escola xa mudaba. A sociedade pedía aire novo: participación, igualdade, liberdade, aulas mixtas. O ensino vertical deu paso a aulas máis dialogantes, e o galego entrou na escola. Foron anos de ilusión, de proxectos compartidos e de recuperación da nosa identidade. Aquí arrincou o meu interese pola formación participando nun equipo de profesorado ávido de innovación educativa que compartía cos mestres máis novos coma min as novas pedagoxías.

Nos anos 2000, a miña ollada ampliouse: fun asesor de educación e coordinador de proxectos educativos. Aquí vivín de cerca as grandes reformas, os programas europeos, a chegada das novas tecnoloxías e os esforzos por facer unha escola máis inclusiva e adaptada á diversidade.

Coordinar iniciativas comarcais, asesorar ao profesorado e artellar programas que unisen coñecemento con valores foi un privilexio que me permitiu ver o potencial transformador da educación galega.

Hoxe, tras esta viaxe completa —de alumno a mestre, asesor e coordinador—, admiro a capacidade de adaptación do noso sistema educativo. Os retos son complexos: dixitalización, emocións, burocracia. Pero o profesorado segue sendo creativo e humano, e as novas xeracións chegan con curiosidade e conciencia.

Sigo convencido de que queda camiño por percorrer, pero o mellor está por vir: unha escola galega que una tradición e innovación, que forme persoas libres e empáticas.

*Xosé María Varela é o presidente da Fundación Pondal.