Os atrancos do profesor na aula

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

ALBERTO LÓPEZ

02 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A aula é o verdadeiro forno da educación, lugar do auténtico proceso de ensino e aprendizaxe e, xa que logo, da máis estreita interacción entre mestre e alumno. Cada día son maiores as dificultades coas que se atopan acotío os docentes para dar clase, a pesar de se ter avanzado moito en recursos e aspectos organizativos da actividade escolar. Son tres as principais causas, dúas delas clásicas, con posibilidades de solución, e unha terceira excepcional, motivo dos principais problemas que ten hoxe o ensino.

En primeiro lugar, currículo e horarios oficiais son moi ríxidos, polo que resulta complexo organizar dunha maneira eficaz o traballo na aula para atender as diferentes capacidades e ritmos de aprendizaxe dos alumnos, parte dos cales carecen da base imprescindible en competencia lingüística e matemática. Saben ben os mestres que, en moitos casos, habería que dedicar máis tempo do establecido á comprensión e expresión escrita e oral, pero os límites horarios impiden facelo. En secundaria o problema é moito máis complicado porque os profesores de materias non lingüísticas non poden dedicarse a inculcar esas graves carencias de base e a situación empeora para o alumno conforme avanza no sistema educativo.

En segundo lugar, o docente atópase na aula con tal diversidade de alumnos que, a pesar dos apoios existentes, resulta moi difícil de xestionar. É lóxico que haxa diferenzas entre os rapaces, pero hoxe tense chegado a tal extremo que dar clase con normalidade resulta unha tarefa imposible. O apoio de especialistas en educación especial e orientadores non é suficiente para atender trastornos como déficit de atención con hiperactividade, dificultades de aprendizaxe, alumnos estranxeiros ou necesidades educativas especiais en xeral, sumado ao elevado número de alumnos na aula.

Por último, hai unha terceira causa que complica aínda máis o labor docente. Trátase da falta de respecto de moitos alumnos e da súa intolerancia absoluta a calquera tipo de frustración. O último informe da OCDE reflicte que España ten un grave problema de indisciplina nas aulas, dez puntos porcentuais por riba dos países do noso contorno. Os rapaces son incapaces de permanecer sentados e de concentrarse nas tarefas intelectuais, amosando unha insufrible falta de interese e de control. Como consecuencia, pérdese moito tempo na clase para conseguir un clima de aprendizaxe, que con frecuencia resulta imposible, e o docente carece de recursos e apoios para solucionar a indisciplina, mentres o alumno goza de impunidade. Os resultados están en moitos centros: falta de motivación no traballo e deterioro emocional dos profesores e baixada de nivel académico ata extremos moi graves.

Para as dúas primeiras causas, as solucións pasan por flexibilizar máis o currículo, diminuír o número de alumnos por aula e aumentar os docentes de apoio, formándoos especificamente en atención a diversidade. A terceira ten a orixe na familia, que ademais está divorciada do centro educativo, polo que a solución está moito máis no ámbito social. Como dixo Torsten Husén, «a reforma da educación non pode substituír á reforma da sociedade».