Escolarización para o próximo curso

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

01 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos no tempo da elección de centro escolar para os fillos cara ao próximo curso. No rural non hai máis posibilidades que un centro público completo ou quizais unha escoliña para os pequechos. Sen embargo, nas cidades, con máis opcións, é onde xorde o problema, pois non todos os alumnos van conseguir a praza que desexan. Hai unha grande diferenza de demanda entre uns centros e outros, o cal ten xustificación clara no caso do ensino privado, xa que pode haber notables desigualdades entre colexios en instalacións, recursos humanos ou oferta de servizos e actividades. Pero ¿e no ensino público? ¿Cómo se entende que, con similares medios, programas e mesmo organización, uns colexios ou institutos sexan moi solicitados e outros pouco? As razóns son varias, pero tres prioritarias: fama que teñen de vello algúns centros, situación na cidade e nivel socio cultural das familias que asisten a eles.

Son poucos os pais que se interesan polo proxecto educativo ou polo carácter propio do centro ao que van asistir os fillos, chegando a haber grandes contradicións entre os valores preconizados na casa e os que se levan á práctica á hora de elixir colexio. Así ocorre con frecuencia que familias defensoras sen reparos de todo o público ou ben contrarias a calquera relixión, envían os fillos a centros privados ou confesionais. Os pais non se dan conta moitas veces da sensibilidade que teñen estes á incoherencia entre os discursos e os exemplos que eles lles dan.

A mellora continua da normativa e a súa rigorosa aplicación por parte dos centros e das comisións de escolarización, van conseguindo erradicar vellas picarescas encamiñadas a bordear a lei. O proceso de admisión dos alumnos é hoxe máis xusto e transparente e as familias coñecen ben as variables decisivas para a escolarización dos fillos: irmáns no centro, domicilio, lugar de traballo ou renda. Deste xeito vai habendo cada ano unha distribución máis equilibrada dos alumnos, que resulta especialmente acusada nos centros privados concertados, ao que ten contribuído tamén a ampliación do ámbito de influencia destes. Por outra parte, o constante descenso da poboación en Galicia está posibilitando que queden menos rapaces excluídos dos centros que elixen pero, iso si, tamén baixa excesivamente a ratio por aula noutros.

En calquera caso o éxito ou fracaso educativo do alumno vai depender máis da familia que do tipo de centro ao que asista. Motivar e apoiar aos fillos na medida das posibilidades de cada fogar e coordinarse estreitamente cos seus titores e mestres, é moito máis decisivo que mandalos a un centro de prestixio ou telos en actividades extraescolares toda a tarde. Por iso non nos sorprendía hai pouco a noticia de que comer cos fillos melloraba notablemente o seu rendemento escolar.