Fillos sen escola

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

03 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha nova sentenza do Xulgado do Penal n.º 1 de Ourense vén de reabrir a polémica da educación na casa, prescindindo da escola. En España non é unha opción legal, pero existe bastante flexibilidade debido á confusión dos conceptos. A Constitución non se refire á escolarización, senón á ensinanza obrigatoria, pero as leis orgánicas que a veñen desenvolvendo establecen a obrigatoriedade da educación básica (primaria e ESO). Os servizos sociais e os tribunais de menores velan polo cumprimento desta norma, que o propio Constitucional ratificou nunha sentenza de finais do 2010. Sen embargo, unha minoría de familias prescinde totalmente da institución escolar, arriscándose a denuncias por absentismo escolar ou abandono dos fillos.

Contrasta con esta postura a dunha maioría de pais que delegan excesivamente na escola a súa responsabilidade de educar aos fillos. Como acostuma ocorrer no noso país, bótase en falta o punto medio, que sería o ideal: pais que colaborasen estreitamente co colexio pero que, recoñecendo as incapacidades do sistema, reforzasen a súa acción educativa na casa. Se queren, poden complementar ou ampliar o labor formativo dos mestres, axudando aos fillos a estudar e fomentándolles hábitos de lectura e preocupación intelectual. E sobre todo dándolles unha boa formación primaria en sentimentos, actitudes e valores, aspectos nos que os pais son insubstituíbles.

É comprensible o descontento de moitas familias co sistema educativo oficial e co feito de que a escola siga indo por un lado e a vida por outro, pero aínda así paga a pena que os fillos vaian ao colexio. Primeiro, pola importancia deste para a súa normal socialización. Segundo, pola grande dificultade que terían, quedándose na casa, para obter os títulos necesarios para a súa futura inserción laboral. E terceiro porque os pais, a nivel instrutivo, non poden substituír aos profesionais da educación. A presenza do mestre, cunha atención individual ao alumno, é decisiva nos anos de aprendizaxe das técnicas instrumentais básicas: lectura escritura, cálculo e razoamento matemático. Erros metodolóxicos no ensino destas destrezas poden ser moi difíciles de corrixir.

Pasados estes primeiros anos e consolidada a citada base, non debería haber problema en flexibilizar a escolarización, potenciando o ensino na casa, se así o queren os pais, como ocorre en varios países. Iso si, a Administración debería establecer un sistema de avaliacións para garantir que se imparta o currículo e se superen as probas oficiais establecidas. A elo vai contribuír, de xeito imparable, a xeneralización das tecnoloxías da información e da comunicación. Cada vez será menos necesaria a presenza constante do docente, que se converterá en guía e orientador, sobre todo segundo se avanza nas etapas educativas.