Un referente da FP do metal

Olga Pérez, diretora do IES de Valga

EDUCACIÓN

Desde a súa ubicación, nun recuncho dun municipio rural pero moi ben comunicado co resto de Galicia, o IES de Valga tense convertido nun referente da formación profesional no ámbito do metal. Impártense dous ciclos -un de grao medio de soldadura e calderaría, e un de grao superior de construcións metálicas- que non apareceron aquí por casualidade: estamos no corazón dunha importante zona de tradición metalúrxica. As empresas veciñas, relacionadas coa fabricación de estruturas e produtos metálicos tanto de aceiro como de aluminio, son moi produtivas e teñen gran prestixio nacional e internacional. Todo ese tecido industrial garante que as prácticas se realicen en empresas da propia comarca. E moitos dos nosos alumnos fican nesas mesmas firmas unha vez rematado o seu período puramente formativo, consolidándose deste xeito unha cultura industrial favorable á innovación e a evolución do sector, dous factores fundamentais para poder saíres vivos da crise.

Ter garantida unha porta de acceso a estas empresas punteiras -as oportunidades así nestes tempos non abundan- é un dos aspectos que fan tan atractiva a oferta do IES de Valga. Pero non é esta a única vantaxe que ofrece o centro para os rapaces de comarcas como a do Ulla-Umia, a do Salnés ou a do Barbanza, que poderían estudar aquí sen necesidade de pagar un aloxamento nunha cidade como Santiago. Certo é que esta ten moitos atractivos para calquera estudante, pero nestes momentos, a crise lembrounos a todos que cómpre poñer os pés na terra.