«Por moito que llas busque, non lle vexo pegas a Campus Vida»

EDUCACIÓN

A pesar das críticas, ter sido conselleira de Educación co Goberno bipartito «sempre suma», e se non gaña volverá ao labor para o que ten vocación: ser profesora

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tivo unha campaña electoral de infarto, pero sabe aturar a presión. Durante case catro anos foi conselleira de Educación co Goberno bipartito. Porén, a súa verdadeira vocación é a de docente. -Falouse de vostede como a candidata da PUP e ao final concorre como independente. ¿Que pasou? -A candidatura foi anunciada a finais do mes de agosto. Nese momento a PUP non se manifestara aínda ao respecto. A miña idea de facer isto, que é unha iniciativa individual apoiada por moita xente, xurdiu pulsando a realidade universitaria do último ano, no que se falou moito de que as plataformas tiveron o seu momento e é unha fórmula que pode aportar como lugares onde hai un debate. Pero no momento actual non reflicten toda a realidade universitaria. Eu percibín iso e por iso o fixen deste xeito. -Tamén houbo críticas arredor de que sendo conselleira non asinou un novo plan de financiamento. -O feito de ser conselleira e ter a responsabilidade de Educación, para min e para moita xente suma. É unha experiencia de alta xestión nun ámbito no que agora pretendo ter responsabilidade. Sobre o plan de financiamento, xa tiñamos feito reunións cos reitores e había consenso nun modelo no que se avaliase ben o custo dos servizos básicos, que sería un 70 ou un 80%, tendo en conta as diferenzas entre universidades, e o resto sería un financiamento variable en función de indicadores. No momento no que chegou a crise, adiouse a sinatura para o ano seguinte, e logo entrou un novo goberno. -Semella que vostede é a candidata de Lugo, ten unha especial atención para este campus. -Son unha candidata da USC pero o meu laboratorio e practicamente toda a miña actividade docente e investigadora deuse e dáse no campus de Lugo. Si que tiven docencia no campus de Santiago e síntome profesora da USC. As necesidades docentes en Lugo son maiores e temos un compromiso de non facer diferenzas. É moi emocionante deixar a solicitude porque todas as instancias que van marcando a vida académica deixeinas alí. -E é das menos críticas co proxecto de Campus Vida. -Neste momento presentouse un proxecto a unha convocatoria e no futuro poderá haber outros. A USC acadou esta distinción que economicamente supón 7,5 millóns de euros en créditos reembolsables e por outra banda máis de 4 millóns de subvención. Iso non afecta ao orzamento, é algo extraordinario, porque os préstamos reembolsables son autorizados pola Comunidade Autónoma. O proxecto en si pon en conxunto as fortalezas dunha área con moi bos resultados, así como a investigación do hospital, da USC e as empresas actuais e as que no futuro se creen novas spin-off. A distinción de campus de excelencia internacional afecta a toda a Universidade. Por moito que llas busque, non lle vexo pegas a Campus Vida. -Hai quen di que nos últimos anos se deixou de lado a docencia na USC. -Evidentemente é básica e non discuto esa dicotomía, porque un profesor é sempre un investigador, por definición, por lei e por vocación. Temos que transmitir como se xera o coñecemento. O que si se percibe é que os sistemas de avaliación da investigación están máis claros e aceptados pola comunidade en xeral, especialmente para as experimentais, pero na docencia non tiñamos un sistema de avaliación e precisamos deses indicadores.