Fotografía para conxurar a morte

EDUCACIÓN

A investigadora madrileña Virginia de la Cruz Lichet elaborou a súa tese, presentada na Universidade Complutense, sobre a tradición de retratar aos mortos en Galicia

15 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Virginia de la Cruz Lichet nunca se lle apareceu a santa compaña, mais sabe ben dela e das imaxes que durante décadas serviron de testemuña da morte. A investigadora madrileña coñeceu un bo día o traballo do fotógrafo Virxilio Viéitez e conversou co desaparecido artista de Soutelo de Montes no Explorafoto Salamanca do ano 2002. Foi entón cando decidiu dedicar á fotografía de Viéitez a súa tese. O que non sabía é que os mortos acabarían por gañala para a súa causa, e o que ía ser unha tese sobre o traballo fotográfico de Virxilio Viéitez foi derivando cara aos retratos de mortos que formaban parte do arquivo Viéitez e, de aí, aos de Ramón Caamaño... e así ata elaborar a súa tese sobre as fotografías dos mortos en Galicia.

Virginia de la Cruz Lichet meteuse de cheo coa súa tese no 2004 e a finais de xaneiro deste ano defendía o seu traballo na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade Complutense, que lle valeu a máxima cualificación. Na tarde do venres impartía unha conferencia sobre o seu traballo, aínda que nesta ocasión centrada na fotografía de rapaces mortos, na Biblioteca Municipal de Pontedeume.

Durante máis de cinco anos a investigadora madrileña consultou arquivos fotográficos de toda Galicia -entre outros os de Viéitez, Ramón Caamaño, Pintos-Museo de Pontevedra, Maximino Reboredo, o fondo Pacheco, Moreiras, Barreiros-, coleccións particulares e moita fotografía anónima. Froito destas pescudas son os máis de 800 folios da súa tese e unha ampla colección de imaxes, dende finais do XIX ata mediados dos setenta do pasado século, que dan conta do costume e da tradición que tivo en Galicia a fotografía mortuoria.

Como a propia investigadora asegura no seu traballo Memento morti: Fotografías dos mortos, recordo para os vivos. Galicia e o retrato fotográfico fúnebre, estas imaxes tiñan «un valor de testamento visual con carácter notarial e estaban destinadas ás familias emigradas».

En ocasións, sobre todo no caso dos cativos ou das familias con menos recursos, «estas imaxes adoitaban representar, para a familia, a última ou mesmo a única fotografía do falecido». A evolución deste tipo de retratos e e ritos funerarios en Galicia, dende o cortexo fúnebre ao velorio, tamén aparece reflectida na tese.