«A palabra é a mellor arma para cambiar o mundo»

EDUCACIÓN

Profesora de Lingüística Xeral na Universidade de Santiago, autora de novelas como «Herba Moura» e ensaísta de prestixio, vén de gañar o Premio Dieste pola súa primeira peza teatral

03 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Foi precisamente unha obra de ficción, esa mesma Herba Moura (2005) coa que gañou desde o Xerais ata o Premio da Crítica Española, e que a día de hoxe xa foi traducida a cinco idiomas, a que deu a coñecer o nome de Teresa Moure en círculos cos que, como ela mesma ten contado, non tivera demasiada relación ata hai ben pouco tempo. Pero detrás dese libro había xa longos anos de escritura: unha moi boa novela anterior, A xeira das árbores (2004), e sobre todo un intenso labor científico, buscando os trazos comúns entre as distintas linguas, con especial atención ás que están a piques de morrer. -E a pregunta xa é inevitable: ¿Non se pode impedir que as linguas morran? -¡Claro que se pode impedir....! Pero o principal problema que temos hoxe é que a maioría das linguas do mundo non están pasando á xeración seguinte. E iso está causando a perda da diversidade cultural da humanidade. Por poñer un exemplo distinto, agora viaxas a calquera sitio e en todas partes atopas ou pizzas ou hamburguesas. ¡E aí perdemos todos...! Así que hai que dicir moi forte que instalándonos no monolingüísmo radical en galego nós contribuímos á riqueza global da humanidade. -Hai un argumento que se repite moito: que as linguas francas abren máis portas. ¿Comparte esa opinión? -Rotundamente non. Salvo que queiras restaurantes só con pizza. -En calquera caso, a situación de linguas romances como o galego, tampouco é comparable, sen ir máis lonxe, á de idiomas célticos como o gaélico ou o bretón... -Pois levamos o mesmo camiño. Se non cambia a actitude da cidadanía, podemos acabar igual en moi pouco tempo. Neste século poderían morrer o 95% das linguas do mundo. -E contra iso, ¿pode facer algo a literatura? -Si. A palabra é a mellor arma para cambiar o mundo. A posibilidade de matinar, a través da ficción, sobre temas urbanos, sobre temas modernos, sobre temas que pertencen ás inquedanzas dunha sociedade, contribúe a que uns falantes sintan orgullo da súa lingua, e apego a ela. -¿E cos que non falan esa lingua, que ocorre...? -Pois que a literatura tamén pode animar a esas persoas, que non están instaladas no galego, a dar o paso necesario para cambiar. -¿Cre vostede que o escritor, no mundo de hoxe, segue a ter unha responsabilibidade social...? -Claro. A obriga do intelectual é tomar conciencia da realidade, porque hai que transformala, loitar pola felicidade colectiva. -¿Pero de verdade cre que se pode conseguir iso...? -Eu creo que si. Houbo tempos nos que era unha utopía pensar en traballar só oito horas diarias, ou en chegar a abolir a escravitude. O primeiro paso para cambiar as cousas é pensar en transformalas. E darlle un nome ao problema, non aceptalo como algo natural.