CARTA ABERTA
14 abr 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ILUSTRÍSIMO señor conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a Plataforma de Nais e Pais que nos sentimos afectados polo presunto derribo do C.E.I.P. Rivera Casás e traslado dos nosos/as fillos/as a outro centro, dirixímonos a vostede co respecto do que a vosa persoa é merecedora dentro do que a nosa indignación e o agravio ao que se nos somete nos permite. En primeiro lugar queremos dicirlle señor conselleiro, que nos facemos eco da nova de prensa na que apraza o futuro do noso Colexio ata que se solucionen os temas financieiros. Segundo esta nova a todas luces vostede deixa de ser Conselleiro de Educación para se converter en Conselleiro de Ordenación do Territorio e Obras Públicas. Nós queremos recordarlle, como nais e pais, que a súa obriga é a de velar polos intereses dos nenos/as e pola educación, e non polos intereses do Concello de Cervo. Ou acaso, señor conselleiro, ¿ saca vostede algún beneficio nestas obras? Na mesma liña, señor conselleiro recordámoslle que, na derradeira intervención en prensa que vostede fixo con respecto ao derribo do noso centro manifestou que, a consellería que vostede dirixe tomaría as decisións oportunas dentro de dous meses a partires de decembro do 2003 e tendo en conta criterios educativos e o mellor para os nenos/as. Xa van catro meses e xa vemos coma os criterios educativos se converten en criterios urbanísticos, e todo iso señor conselleiro tendo en conta que pasaron unhas eleccións e das que seguro que se tén noticias verá que o partido do governo perdeunas dentro e fóra deste concello. ¿Será acaso señor conselleiro que nós si tiñamos razón cando diciamos que o pobo non quería trasladar os nenos/as e tirar o colexio?. Seguimos reiterando que o noso colexio é o mellor indicado para a educación que para os nosos/as fillos/as queremos. En segundo lugar queremos dicirlle que se por casualidade a nova aparecida nos medios de comunicación non fose certa, tome vostede as medidas oportunas e desmintaa no seu propio nome e no da Consellería, que lle lembramos que é de Educación e Ordenación Universitaria. Agardando da súa man unha resposta. Plataforma de pais e nais contra a demolición do Rivera Casás.