DARÍO VILLANUEVA, rector da Universidade de Santiago
07 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Dos arquivos do trasno (1926) incide na temática máis característica segundo o canon da literatura galega fixado desde o libro inaugural do noso Rexurdimento, os Cantares gallegos , sinaladamente estes: a morte, a saudade e a morriña, a presencia viva dos defuntos ¿que Rosalía de Castro expresaba a través do símbolo das sombras¿, o misterio e, mesmo, a emigración. Tan só se bota en falta a dimensión do pesimismo metafísico que o fracaso esencial do ser humano lle inspira a Rosalía e a temática relixiosa, tan complexa e contradictoria nela. Por todo, é indubidable o fundamento antropolóxico na realidade de Galicia que este primeiro libro narrativo de Dieste reflicte. César Antonio Molina cualificou ó escritor de Rianxo como «archivero de la colectividad». Isto non significa que os relatos galegos de Dieste se parezan polo seu primitivismo ós daqueles autores que, como Ánxel Fole por exemplo, logran facer arte literaria a partir de temas e formas folclóricas. Antes ó contrario, Dos arquivos do trasno caracterízase pola transformación de dous moi evidentes substratos populares galegos en cadansúas realizacións estéticas de proxección universal. A primeira ten a súa raíz na estructura do relato oral. Neste punto parece terse dado unha fecunda confluencia entre unha práctica fundamental no sistema da cultura galega e unha característica persoal moi sinalada do escritor. O segundo sustrato galego que en Dieste dá lugar a unha realización estética de vixencia universal é o dunha peculiar concepción da realidade que transcende os límites do obxectivo, o empírico e o racional. En xeral, pódese afirmar que esta característica esténdese, dun ou doutro xeito, á maior parte das narracións de Dos arquivos do trasno, libro que no seu título apunta xa esa mestura de realidades coa súa mención ó arquivo, receptáculo da realidade máis pedestre e ordenada, pero que neste caso pertence a esa especie de habitante trouleiro e familiar da casa, que todo o desordena, ó que denominamos trasno.