«Escribo por oficio, por exercicio, por observación e por necesidade»

La Voz

EDUCACIÓN

Marisa Núñez Álvarez, escritora e codirectora da colección Demademora, de Kalandraka Marisa Núñez Álvarez, nacida en Sarria, está afincada en Cangas, onde da clases de educación infantil no colexio público do Hío dende fai anos. É co-directora, xunto co cangués Xosé Manuel Barreiro «Oli», dunha das coleccións que edita Kalandraka. Ten publicados tres libros: «A cebra Camila»; «O pito Cairo», unha adaptación dun conto tradicional portugués; e «Lucinda e o inspector Vinagre», que mesmo acaba de saír á luz. O primeiro conqueriu un gran éxito de público e foi traducido a varios idiomas.

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

J.SANTOS CANGAS A editorial Kalandraka ten una ampla vinculación co Morrazo. Ademáis de formar parte da empresa Marisa Núñez e «Oli», entre os sesenta libros que ten publicados nos seus tres anos de vida hai varios autores, traductores e ilustradores da comarca, como, ademáis dos dous citados, Pepe Cáccamo, Rafael Lorenzo, María Xosé Fernández, Loreto Blanco, Henrique Harguindey ou Pepe García. -¿Como está o panorama editorial de literatura infantil e xuvenil en Galicia?. -Está nun momento de moito dinamismo. A oferta ampliouse, tanto no que respecta á franxa de idade como na temática. Hai poucos anos había unhas lagoas tremendas. Os que apostabamos polo ensino en galego tiñamos que traballar con textos en castelán. Había un vacío enorme. Os textos de calidade, os máis bonitos, nunca estaban en galego. Foi por iso polo que naceu Kalandraka. Agora hai onde escoller, hai unha oferta de libro infantil de calidade en galego. -¿Empezou a escribir pensando en encher ese vacío?. -Escribo por oficio, por exercicio, por observación e por necesidade. Ó estar traballando continuamente con contos, plantéxaste como reto conseguir escribir un tal como che gostaría que cho contasen. Dalgunha maneira, é poder reinventar o mundo, redefinilo. Formalmente, o que escribo ten moito que ver coa tradición; é o soporte do meu traballo. Cando un conto che sae ben, é unha experiencia fantástica, por iso queres repetir.