Prexuízos de xénero na relación laboral

Dolores Fernández Galiño ANÁLISE

ECONOMÍA

Santi M. Amil

O compromiso da sociedade contra a desigualdade, a discriminación e a violencia é innegable, pero hai problemas que seguen estando presentes

16 oct 2023 . Actualizado a las 08:34 h.

A división sexual do traballo e os estereotipos de xénero imperantes na civilización occidental desde a Idade Antiga, determinaron que, ao longo da historia, os traballos desempeñados polas mulleres foran os menos valorados socialmente, e mesmo nin se considerasen traballos, senón tarefas propias do seu sexo que as mulleres deberían de asumir pois era o seu designio natural.

Deste xeito, e por mor dos estereotipos, persoa traballadora non é toda aquela que traballa, senón só aquela que traballa nun traballo produtivo, e nunha sociedade patriarcal o produtivo é aquilo en que traballan maiormente os homes. Así foi que o traballo doméstico, os coidados, a colaboración na explotación familiar, ou o traballo informal, traballos maiormente feminizados, quedaran fóra do sistema produtivo formal e quedaron fora da economía das nacións. Aínda hoxe, o produto nacional bruto (PNB) ou o produto interior bruto (PIB) e outros indicadores de riqueza seguen sen computar o traballo doméstico.

Esta circunstancia non impediu que as mulleres, aburadas polas súas propias necesidades vitais e as das súas familias, traballasen efectivamente nas fábricas xurdidas ao calor da revolución industrial. Pero os prexuízos de novo estaban aí esperándoas. Cando as mulleres, nenos e nenas entraron a traballar nas fábricas, o seu traballo foi estimado coa metade do valor ca o dos homes, sendo consideradas «medias forzas», e como tales, o seu salario só era a metade do dos homes.

Sendo a metade o salario das mulleres, nenos e nenas, abriuse a veda, no contexto do capitalismo liberal decimonónico, para a súa explotación, pois ese salario era un importante atractivo para o beneficio desmedido de empresas pouco escrupulosas. A reacción pietista contra esta situación de explotación humana introduciu condicións especiais no traballo de mulleres, nenos e nenas. Pero esta normativa paternalista tamén viña con prexuízos de xénero incluídos. Así, a prohibición do traballo no interior das minas xustificábase na debilidade das mulleres fronte a un traballo tan duro, cando a fortaleza física e mental habería que vela individualmente. Ou a prohibición do traballo nocturno obedecía ao risco de agresión sexual, prostitución ou adulterio, coma se as mulleres ao saír de noite tendésemos a prostituírnos ou a enganar ás nosas parellas. E as prohibicións en traballos industriais con produtos tóxicos adoitaban obedecer á preservación da fertilidade, obviando que a infertilidade afecta igualmente aos homes e que a solución tería que ser mellorar as condicións de saúde laboral. Todo o século XX fixo falta para que caeran estas prohibicións en Europa e tamén en España e, unha vez erradicadas, semellaba non existir xa ningún límite para o acceso das mulleres ao mercado de traballo e instalouse a idea de que a igualdade viría dada polo paso do tempo.

Traballos masculinizados

Porén, iso non supuxo á desaparición dos prexuízos na base das discriminacións. Caeron as prohibicións, pero moitos traballos antes prohibidos ás mulleres, seguen masculinizados. As mulleres entraron en traballos administrativos (de «pescozo branco»), en sectores menos valorados (téxtil ou conserva), e se o fixeron nalgún traballo de máis recoñecemento social foi en sectores vinculados ás habilidades supostamente propias do seu sexo (educación, sanidade).

Pero non entraron, e seguen sen entrar, no sistema produtivo industrial, o chamado traballo de «pescozo azul», máis protexido e mellor remunerado. Cobra máis o mecánico, incluído no convenio do metal, que coida o noso coche, que quen coida de nós e dos nosos seres queridos.

Esta segregación («paredes de cemento») ten un exemplo salientable na pouca presenza feminina nas carreiras de ciencias, tecnolóxicas, enxeñería e matemáticas (fenda STEM).

Os prexuízos tamén seguen mantendo ás mulleres nos traballos precarios (a tempo parcial, de tempada ou a domicilio), e nos postos baixos de moitas empresas («cha pegañento»), con dificultade de entrar en postos de alta dirección («teito de cristal») ou, se entran, é en postos directivos simbólicos ou sen poder («posto floreiro», fenómeno coñecido como tokenismo).

A maternidade segue penalizando ás traballadoras, cando é una condición da muller que non altera a súa valía profesional. As mulleres están sometidas a un dilema (que non teñen os homes) entre ser nais e renunciar a traballar, ou traballar e renunciar a ser nais («dilema de Wollstonecraft»), ou tentar ser a superwoman co risco de perder posibilidades de promoción por atender aos coidados (e o fenómeno «billa que gotea»). E sinto ter que dicilo, pero en calquera desas tres opcións, aparte das limitacións vitais e profesionais que traen consigo para as mulleres, ademais se consolida o statu quo. A solución estaría no cambio do sistema para facilitar a maternidade, e a paternidade tamén, mediante políticas de corresponsabilidade.

Outros prexuízos aínda máis arrepiantes seguen vixentes e determinan a supervivencia nos lugares de traballo do acoso sexual e doutras formas de violencia e acoso por mor de xénero.

E a fenda salarial segue estando aí a pesares de todos os esforzos a todos os niveis legais. É unha proba da menor consideración que desde sempre se deu ao traballo das mulleres. Os traballos domésticos, de coidados, de colaboración, ou en sectores considerados non formais, eran menos considerados; por non encaixar dentro do que tiña valor económico nunha sociedade masculinizada que consideraba que eran os homes os que tiñan que soster economicamente as familias. En 1978 en España se detectaron máis de 150 convenios colectivos con dobres escalas salariais, é dicir táboas salariais que, para unha mesma categoría, establecían dous salarios, un para os traballadores e outro para as traballadoras. Foron desaparecendo tras a Constitución, pero as discriminacións retributivas seguen permanecendo en moitos convenios colectivos en formas máis sibilinas e difíciles de identificar (sobrevaloración de traballos masculinizados, pluses salariais de apreciación subxectiva, pluses con un impacto negativo sobre as traballadoras ...). A igualdade ten que ser de todas as retribucións, non so do salario, e para traballos obxectivamente de igual valor.

Sen baixar a garda

O empuxe da sociedade e o compromiso dos poderes públicos na loita contra a desigualdade, a discriminación e a violencia de xénero é innegable e, visto en perspectiva, e moi positivo o cambio social e legal dende os tempos da Constitución. Porén, os prexuízos de xénero seguen estando presentes, susceptibles de producir desigualdade, discriminación e violencia de xénero en calquera ámbito da relación laboral. Non hai que baixar a garda e debemos seguir avanzando.

Dolores Fernández Galiño Valedora do Pobo de Galicia