Comercio de proximidade, comercio de futuro

Sol Vázquez

ECONOMÍA

31 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O comercio de proximidade está a experimentar momentos de gran transformación. A dixitalización, as novas tendencias do mercado e os novos hábitos de compra das persoas consumidoras póñennos de manifesto cada día como o modelo de comercio tradicional está a evolucionar cara novas realidades que esixen outra maneira de ver as cousas no ámbito do comercio.

A Xunta de Galicia é consciente desta realidade e traballa xunto co sector en deseñar políticas que poñan a disposición das persoas comerciantes as ferramentas precisas para construír o comercio galego do futuro. Un comercio que necesariamente debe anticiparse ás novas necesidades dos clientes e reinterpretar a proximidade e o servizo ao usuario, empregando termos e mecanismos dixitais, sen esquecer que a sustentabilidade, a economía circular, a responsabilidade social e o compromiso coa nosa contorna e co medio ambiente serán as claves do comercio do futuro.

Por iso, coa participación e colaboración do sector, o Goberno galego ven de poñer en marcha a iniciativa Comercio 360, á que se destinan 5,7 millóns de euros neste ano 2019, e que supón a posta a disposición do sector comercial de axudas non só para impulsar a súa competitividade a través de servizos personalizados de márketing dixital, mellora da imaxe física e on-line e asesoramento especializado para incrementar a súa rendibilidade, senón tamén a visualización e fomento dun valor en alza que o comercio de proximidade leva implícito no seu ADN, e que o cliente debe ser consciente e recoñecer: a sustentabilidade.

A utilización do e-ticket para reducir o uso do papel e facilitar os posibles cambios ou devolucións, e a execución das garantías por parte dos clientes, a utilización de ecoenvases realizados con materiais cen por cen biodegradables, ou a aposta pola economía circular, a reciclaxe a os produtos ecolóxicos son algunhas das liñas nas que traballamos xunto co sector que contribuirán a incrementar o valor xa sostible do comercio de proximidade.

Estamos a vivir momentos de cambio e transformación no comercio galego que poñen aínda máis en valor se cabe a profesionalidade, o traballo e o tesón dos nosos e das nosas comerciantes, que están a protagonizar un importante esforzo de reinvención e adaptación aos novos tempos, asumindo os retos que se presentan como unha oportunidade para crear entre todos o comercio galego do futuro.

Porque nese comercio de futuro estamos todos: as administracións, as persoas comerciantes e as persoas consumidoras. Estas últimas deben ser o centro da estratexia comercial, pero ao tempo xogan un papel fundamental, pois con cada acto de compra elixen os valores que queren apoiar, o modelo de comercio e de consumo que queren fomentar, e mesmo o deseño da imaxe das vilas e cidades nas que queren vivir e pasear.

Estamos en momentos de cambio, de retos, pero tamén de oportunidades. Apostemos todos polo futuro do noso comercio de proximidade.