Xuventude, ¿divino tesouro?

Jesús Vázquez Forno DIRECTOR DA ESCOLA UNIVERSITARIA DE RELACIÓNS LABORAIS DE A CORUÑA

ECONOMÍA

O panorama laboral que padecen os nosos mozos é francamente desolador. Dende o 2009 reduciuse a poboación en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos en case que ¡100.000 mozos! ata os actuais 335.000, o que obedece non so á consabida diminución da natalidade senón a que moitos fixeron as maletas para emigrar, como se pode apreciar claramente na forte diminución na franxa de idade dos 25 aos 29 anos. Pero iso non serviu para que melloraran as expectativas laborais dos que quedaron. A taxa de ocupación baixou no mesmo período dende o 50 ata o 38 % e so temos 128.000 mozos e mozas galegas de menos de 30 anos traballando neste momento, segundo a EPA.

Por outra parte, a taxa de paro xuvenil segue a rondar o 30 %, é dicir, 13 puntos máis que a media de desemprego na nosa autonomía. Visto o visto ¿quédalle aos nosos fillos algún raio de esperanza? O traballo asalariado xuvenil non acaba de despegar. O incremento destes últimos trimestres, en consonancia coa mellora da situación xeral, nos sitúa agora en niveis do 2013, en torno aos 100.000 efectivos, moi lonxe dos 172.000 do 2009. O emprendemento e o traballo por conta propia tampouco achega expectativas de forma significativa e hoxe temos practicamente os mesmos autónomos que daquela, arredor de 15.000. O sector público é traizoeiro: son 10.000 mozos os que traballan nas administracións públicas, xusto a metade que no 2009. Aínda así, poderíamos pensar que, co envellecemento da poboación galega, a saída do mercado laboral dos maiores favorecerá de forma natural o acceso dos nosos rapaces ao mercado laboral a curto prazo. Conviría non facerse ilusións. É certo que hoxe temos 465.000 pensionistas de xubilación, trinta mil máis que hai cinco anos, e xa case chegamos ao medio millón. Pero ollo a este dato: os afiliados en alta na Seguridade Social maiores de 55 anos non so non diminuíron, senón que aumentaron nese período en 12.000 persoas. Velaí o efecto das políticas públicas de retraso da idade de xubilación. E velaí que para un mozo ou moza galega atopar traballo antes dos 30 anos vai ser un auténtico tesouro.