Un ano de retrocesos

Mabel Pérez

ECONOMÍA

Se lle temos que poñer un nome á actual situación das mulleres no mercado de traballo e na sociedade é, sen dúbida, «retroceso». As políticas dos Gobernos autonómico e estatal están abandonando a necesaria atención á igualdade. Daquela, se non se establecen políticas de promoción e defensa da igualdade, o resultado é o retroceso. Se alén da inacción aproban medidas e leis contrarias á liberdade e ás posibilidades de emancipación das mulleres, topamos, coma arestora, coa tormenta perfecta.

Desde 2009, en Galicia perdéronse 52.300 postos de traballo ocupados por mulleres, 18.300 só no último ano, o que se traduce nunha caída de case o 4 %; mentres que a cifra de paradas é intolerable: 132.200 no 2013. Aínda peor: máis da metade das desempregadas sono de longa duración, case 74.000. A situación das que teñen emprego tampouco é alentadora. Cada vez hai máis mulleres traballando a xornada parcial -o 23 % o ano pasado- e na maioría dos casos non se trata dunha opción persoal, pois o 63 % manifestaron o seu desexo de traballaren a xornada completa. A contratación indefinida no 2013 foi case marxinal, só o 5 %.

Velaí os datos que revelan as duras consecuencias da reforma laboral do Partido Popular. Podemos acusar a este Goberno de misoxinia pola aprobación dunha lei educativa que abandona a coeducación como elemento para modificar unha realidade desigual. Tamén por un anteproxecto de lei que elimina o dereito das mulleres a decidiren sobre a maternidade. Ademais, polos recortes, especialmente na dependencia, que provocan unha «crise dos coidados»: que sexan as familias, nomeadamente as mulleres, as que se teñan que facer cargo de atencións que deberían prestar os servizos públicos.

Só se evitará este retroceso mantendo na axenda pública a loita contra a discriminación e a violencia, porque o que non se ve nin se nomea, non se cambia. Debemos facelo porque é unha cuestión de xustiza, pero tamén porque as sociedades, se queren progresar, han contar co capital de formación e capacidade das mulleres.

Mabel Pérez é Secretaria da Muller CC.OO.