Unha vez sexa efectiva a suba do imposto de hidrocarburos que proxecta o Goberno da Xunta de Galicia para o vindeiro ano, aquel transportista que sexa titular dunha pequena flota de seis camións dedicados ao transporte de mercadorías de longo percorrido cuxo consumo medio mensual por vehículo de gasoil A ascenda a 5.000 litros, verá incrementada a súa factura mensual de carburante en 1.080 euros no caso repostar en gasolineiras de Galicia.
Con periodicidade trimestral, pero cunha demora aproximada de oito meses, este transportista poderá percibir da Axencia Tributaria a devolución deste imposto, mais non sen sobrecusto para el, senón coa nada desprezable carga financeira permanente de 8.640 euros (en términos medios), derivada da súa condición de acredor de Facenda.
Pero, ademais, en ningún caso poderá recuperar cada ano os 2.160 euros correspondentes ao imposto de cada litro de gasoil que cada camión consuma unha vez supere a cifra anual dos 50.000 litros.
Panorama negro
Agora ben, peor se debuxa o panorama para todos aqueles vehículos de transporte de mercadorías -aproximadamente o 50 % do noso parque en Galicia- que, por unha razón ou por outra, non poidan acceder á devolución do imposto pola vía do gasoil profesional da Axencia Tributaria. Este é o caso dos vehículos de masa máxima inferior a 7.500 kilos, daqueles que non poidan repostar con tarxetas de carburante válidas para o gasoil profesional, ou daqueloutros moitos con dificultades para cumprir en todo momento coas súas obrigas tributarias pola situación de extrema dificultade na que está inserido un sector como o transporte hoxe en Galicia, que desde 2007 perdeu case que 2.000 empresas e arredor de 8.000 emregos.