Escola de campións

VILA DE CRUCES

MARCOS MÍGUEZ

O traballo da canteira segue a ser a máxima do clube Keltoi, que este ano recupera a sección feminina

23 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Tralo éxito colleitado polos loitadores do clube Keltoi no Campionato de España junior celebrado a pasada fin de semana, a loita libre volve pola porta grande á primeira plana do deporte cruceño. Dende hai arredor dunha década o clube instrúe dende as categorías de base a loitadores e loitadoras nos entresixos deste deporte. O campión español Moncho García é o responsable de preparar ós sete rapaces de categoría escolar (ata 13 anos) e ás dúas rapazas que completan o equipo de base do Keltoi. «Iniciar ós máis pequenos no mundo da loita, ensinarlles a caer, que collan forma física e que aprendan coordinación» son os obxectivos que se marcan os máis pequenos, segundo afirma Moncho García. Pequenos con calidade «Ganas de aprender e divertirse é o único necesario para practicar a loita libre», comenta García. Logo de que o número de loitadores experimentase un retroceso durante unha época, agora o deporte volve estar en auxe, tanto nas categorías masculina como na feminina. «Había algún tempo que non tiñamos rapazas formando parte das categorías de base, porque para algúns o deporte continúa sendo sobre todo masculino, pero afortunadamente isto está a cambiar e agora estamos reiniciando o traballo nas categorías femininas». A pesar da xuventude dos loitadores, a categoría escolar deixa bos resultados ó equipo cruceño. A participación de seis compoñentes do Keltoi no recente Campionato Escolar Galego saldouse cun segundo posto por equipos, e permitiu a algúns deportistas clasificarse xa para o Escolar de España ó que acudirán o vindeiro mes representando á selección galega. A competición española é xa unha cita usual para os integrantes do clube de Vila de Cruces, que xa o ano pasado contou con dous representantes formando parte do combinado galego. Exitosa traxectoria Os bos resultados non son descoñecidos para o clube Keltoi, que acada dende hai anos excelentes resultados nos campionatos de categorías base. A pasada tempada deixou nas vitrinas do clube cruceño numerosos triunfos nas categorías dos máis novos. Diego Pallares proclamouse o pasado ano campión de España categoría cadete na modalidade de loita libre olímpica, mentras que Diego Fernández acadou o subcampionato español na modalidade grecorromana.