Susana Conde, presidenta de ACEM: «Os pequenos cambios son os que máis transforman a vida»
SILLEDA
O Concello de Silleda escolleu a esta muller como (in)Visible de xuño pola conmemoración o 21 do Día Mundial da ELA
20 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A conmemoración este domingo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) levou ao Concello de Silleda de elixir como (in)Visible de xuño a Susana Conde Alonso, nacida na parroquia de Ansemil. Diagnosticada de esclerose múltiple aos 19 anos, na actualidade preside ACEM, a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, Párkinson, ELA e Outras Enfermidades Neurodexenerativas. Desta forma buscan dar visibilidade ás persoas afectadas por esta enfermidade e ás súas familias, así como reivindicar máis investigación, recursos e unha atención integral que contribúa a súa calidade de vida.
Susana Conde xa coñecía o impacto da esclerose múltiple na súa casa porque a súa nai a padecía. Desde o seu diagnóstico con tan só 19 anos conviviu moito tempo co medo e coa incerteza propios dunha enfermidade neurodexenerativa. Pero co tempo transformou esa experiencia nunha aprendizaxe vital e nun motor de compromiso social. Defínese como unha muller que cre profundamente «na solidariedade, na empatía, na gratitude, na paz, na liberdade, no respecto, no compromiso e na capacidade de superación que todas as persoas levamos dentro».
Afirma que a súa doenza lle ensinou a coñecerse mellor e valorar as pequenas vitorias de cada día e a descubrir unha fortaleza que nin sequera sabía que tiña. A súa vinculación coa asociación compostelá ACEM xurdiu nun momento persoal moi difícil, atopando alí comprensión e apoio. Pouco despois incorporouse á xunta directiva, para terminar por asumir a presidencia da entidade.
«Traballo para min, por miña nai, polo meu fillo por se algún día o precisase, e por todas as persoas ás que poidamos axudar a mellorar a súa calidade de vida, aínda que sexa só un pouco», destaca Susana Conde. Para ela, «ás veces os pequenos cambios son os que máis transforman unha vida». Desde ACEM promoven iniciativas para mellorar la situación de las persoas afectadas por esclerose múltiple, ELA ou outras enfermidades raras, así como das súas familias e coidadores. Ofrece servizos que van da fisioterapia a logopedia ou atención psicolóxica e asesoramento xurídico, entre outras.
A concelleira de Igualdade, Ángela Troitiño, incidiu onte en que o programa (in)Visibles segue a cumprir o seu obxectivo de «poñer rostro, nome e historia» a mulleres que deixan pegada na sociedade, como Susana Conde, quen «converteu unha experiencia persoal dura nun exemplo de forza, empatía e compromiso colectivo». Pola súa banda, a alcaldesa, Paula Fernández, destacou «a valentía e a xenerosidade de Susana» ao implicarse para axudar a outras persoas e familias.
«Silleda ten a sorte de contar con mulleres referentes, comprometidas e solidarias, que fan comunidade dende a discreción, o traballo constante e a humanidade», recalcou, e agradeceu a Susana a súa disposición a compartir a súa historia e facer máis visibles realidades que precisan ser comprendidas e apoiadas.