Juan Liñares, novo presidente de Vista Alegre: «O obxectivo máis grande da asociación é non decaer»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Miguel Souto

Con 30 anos como socio e 12 en xuntas directivas, substitúe a Dolores Sangiao

10 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Liñares converteuse a pasada semana no novo presidente da Asociación Vista Alegre da Bandeira (Silleda), despois das dúas décadas de Dolores Sangiao á fronte do colectivo.

—Está claro que é bo coñecedor da asociación polos anos que leva na mesma.

—Son 30 anos de socio e 12 no equipo de Dolores Sangiao, pero aínda se me escapa algunha cousa que grazas a que teño alí ao amigo Alfredo, que é o que atende o centro, é sendo unha persoa moi precisa e que está ao tanto de todo, aínda me vai corrixindo algún erro.

—Como se xesta a súa chegada á presidencia?

—A miña idea non era presentarme para o cargo. En xuño houbo asemblea na que dimitiu a directiva, pero ao non presentarse ninguén algúns membros continuaron como xestora ata setembro, agardando a chegada de alguén para levar o colectivo. Non foi así, entón perigaba a posta en marcha das actividades coa entrada no mes de febreiro, non podiamos permitir que desaparecese a asociación despois de 44 anos de vida, e forzáronme un pouco a collela despois de saber tamén da miña maior dispoñibilidade laboral.

—Que pode resultar máis difícil nesta nova andaina?

—Cada nova actividade que prantexas é un reto, e nós non somos unha asociación que fai un par de actividades ao ano e para de contar, que é moi respectable. Temos moitísima actividade. Inauguramos exposicións a razón dunha ao mes, cursiños de todo tipo, actividades lúdicas como o entroido infantil o día 16, o Día de Rosalía con agasallo do Caldo de Gloria aos asistentes, o Día da Poesía con motivo do cambio estacional, estamos sempre facendo un montón de cousas; mesmo algunhas sen contar como mañá -por hoxe- que veñen membros da Garda Civil dar unha charla informativa sobre seguridade xa que despois dos roubos recentes na zona a xente está moi preocupada. Na asociación preséntanse libros, recítase poesía...

—Vista Alegre é puro dinamismo na Bandeira.

—É o noso sinal de identidade. Comprobamos que o noso público era feminino e de certa idade, pero tiñamos pouca mocidade, pois montamos un ximnasio que está tendo moi boa aceptación. O obxectivo máis grande da asociación é non decaer.

—Cantos socios teñen na actualidade?

—Temos un histórico de máis de 700 socios, pero hoxe somos máis de 400 non só do pobo senón tamén de Vigo, Santiago... As cuotas son humildes, 15 euros ao ano e 18 se é parella, pero ao ser moitos vai sumando.