A demanda de prazas en residencias é cada vez maior, pero búscanse con zonas verdes
20 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mentres na residencia de maiores de Silleda ultímanse todos os preparativos para celebrar o Nadal cos usuarios, que celebrarán as festas de xeito maioritario no centro, desde a dirección non só se traballa xa na planificación do ano que vén senón tamén na futura entrada en funcionamento de novas residencias operadas polo Grupo Coviastec. Desde a posta en marcha da residencia de Silleda, no ano 2019, a cruceña de Merza, Paula Guzmán Pereira, é a directora do centro.
—Entendo que, e dentro do habitual que vemos nas residencias, están coas prazas todas completas.
—Todas completas (ri). Contamos con 59 residentes e 20 no centro de día. Estamos na mesma liña que outros centros onde a demanda de prazas sempre se dispara, e mesmo hai lista de agarda aínda que agora semella que o acceso a unha praza se acada con máis dilixencia.
—Como foi a demanda rexistrada ao longo deste ano?
—Altísima. A Residencia de Maiores de Silleda foi o segundo centro que abriu Coviastec en Galicia, e construíuse pola demanda que había. E aínda que na actualidade a nivel da comunidade cóntanse con moitos centros non son suficientes. A realidade é que hai pouca oferta para a demanda que se está xerando. Nos últimos tres anos foi cando apreciamos unha maior demanda de prazas residenciais.
—A que se debe?
—Fundamentalmente a que a nosa poboación está moi envellecida, os familiares que coidan aos maiores traballan e non consideran prudente que se queden sós nas súas casas polo que a opción máis escollida pasa por unha praza residencial. O que ocorre é que aquí van mudando tamén as peticións e a xente busca residencias que conten con zonas verdes.
—Residencias situadas en pobos e non en grandes cidades?
—Efectivamente. A xente busca centros con espazos amplos e verdes, pero tamén con servizos. Como dicía a demanda é altísima, priorizan o rural e que sexan centros pequenos con menos de 60 usuarios a ser posible. Queren que sexan residencias máis familiares, e non é sempre doado atopar unha praza coas características todas que se solicitan.
—Desde o momento en que se tramita a demanda de praza ata conseguila, de canto tempo estamos falando?
—Para outorgar unha praza desde que se pide e se leva a cabo o grao de valoración de dependencia do demandante pódese tardar entre 3 e 9 meses aproximademente. Son tempos que se axilizaron bastante nos últimos anos, tendo en conta que antes era preciso agardar máis dun ano por unha praza despois de cursar a solicitude.
—Altísima demanda a que existe, polo que comenta, pero está ao alcance de calquera pensión? Canto custa unha praza residencial?
—O primeiro que hai que ter en conta é a ubicación do centro. Non é o mesmo unha praza nunha gran cidade que nun pobo, que por ser vila disporá igual de servizos, e tamén hai que ter en conta o grao de valoración de dependencia do futuro residente. Pero en termos xerais unha praza residencial oscila na actualidade entre os 1.800 e 3.000 euros.
—Os centros tamén ofrecen habitualmente servizos externos.
—Claro. Nós na residencia de Silleda contamos con podólogo e perruqueira e tamén cun servizo de acompañamento nos hospitais en todos os centros. Os maiores non poden estar sós no hospital, e podemos acompañalos tanto no caso de que teñan que ir a unha consulta como en estancias hospitalarias. Contamos cunha empresa externa que se encarga diso. É un servizo extra fundamental que ofrecemos aos nosos residentes, e case todos o queren.
«Atendemos 324 camas, e coa próxima apertura de cinco centros serán 316 máis»
A Residencia de Maiores de Silleda foi a segunda aberta polo Grupo Coviastec, que conta actualmente con oito centros residenciais funcionando en Galicia, con previsión de apertura en breve de cinco máis ubicados en Xunqueira de Ambía e A Peroxa, na provincia de Ourense, Mazaricos (A Coruña) e os pontevedreses de Cerdedo-Cotobade e Dozón. «Actualmente estamos atendendo 324 camas, e coa próxima apertura dos cinco novos centros irémonos a unhas 316 camas máis. Son novas prazas xa que nas residencias que están en funcionamento, seguiremos polo momento coas que hai sempre tentando dar servizo dentro da dispoñibilidade que vaiamos tendo», explica a coordinadora de centros do Grupo Coviastec.
A Residencia de Maiores de Silleda abre o seu abanico de oferta de prazas cunhas que son moi especiais, e agradecidas polas familias: as estancias de carácter temporal. «Facemos acollementos temporais para calquera recuperación despois dunha intervención cirúrxica puntual ou por unha necesidade que poida xurdir no seo dunha familia cun maior a cargo. Aparecen situacións en que unha estancia temporal se fai máis que necesaria, e aí estamos nós para cubrir esa demanda puntual e urxente», apunta Paula Guzmán.
Unha conversa coa directora do centro silledense sobre os pormenores da residencia mentres soan panxoliñas polos pasillos, afanándose os traballadores na preparación dunhas festas nas que só 8 familias levarán aos seus maiores a disfrutar do Nadal fóra; «o normal é que non os leven do centro por ser dependentes, pero nós imos darlle todo o cariño nestas datas ao igual que procuramos facelo ao longo de todo o ano e organizaremos a gran Festa de Fin de Ano o día 31 ás 12 do mediodía», comenta Paula.