Fátima Fernández, modista de Dornelas: «Démoslle unha oportunidade aos oficios tradicionais, probémolos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Miguel Souto

É unha das poucas costureiras que exerce no municipio, e participa hoxe no Silleda Fai

04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila de Silleda mostra hoxe o traballo e talento da xente do lugar, coa celebración do Silleda Fai, un novo certame no que os protagonistas son os produtores locais e os artesáns. A cita, que se concentra na rúa Cartaxena, celébrase dende as 11 e ata as 19 horas, nun formato de feira con exposición de produtos, artesanía, benestar e deseño. Entre os participantes está a modista de Dornelas, Fátima Fernández Brandariz, unha silledense criada entre teas, tesoiras e panos á que o interese pola costura chegoulle fai trece anos.

—Vamos que o de ser modista non era a súa preferencia profesional nin primordial.

—Non (ri), aínda que a miña nai (Teresa Brandariz) foi costureira toda a súa vida, eu non quería selo. Estudei Relacións Laborais e ía ir por aí, pero non había traballo, e foi cando comecei a estar no taller coa miña nai e finalmente no ano 2012 din o paso definitivo.

—Considera que acertou coa decisión tomada?

—Si, téñoo claro. Mesmo penso que é unha pena que a xente moza non escolla algún oficio tradicional. Deberiamos darlle unha oportunidade, pero tamén probalos xa que ao mellor gústannos. Mira o que me pasou a min! (Ri) Cada vez somos menos modistas, pero tampouco atopas carpinteiros ou fontaneiros. Profesionais que antes abundaban, hoxe non se encontran. No caso desta profesión, por exemplo, non teño ningunha amiga que sexa modista e tampouco coñezo a moitas que o sexan no municipio. Creo que só hai unha que fai arranxos, e antes había unha modista en cada casa.

—Como foi a súa evolución ao longo destes anos no oficio?

—Estando aínda miña nai no taller, coincidín con ela un ano aproximadamente, facía bolsos, monederos, tocados e complementos para bebés. Despois, unha vez que me responsabilicei do negocio, comecei unha etapa de adaptarme á demanda do cliente. Actualmente non hai moitas modistas que se dediquen a confeccionar traxe rexional, e a demanda é moi alta, polo que é unha das liñas do taller ao igual que os traxes para vodas, por poñer un par de exemplos do que fago, e logo todo aquelo que me piden.

—Son tempos en que se pide amañar prendas ou mesmo reconvertilas?

—Atopo de todo. Estanse sacando as sabas de liño, que aínda se gardaban nas casas, e coas que piden facer unha camisa ou enagua. Prendas que se usarán ou que simplemente se manterán de recordo. Creo que as pezas que son de boa calidade arránxanse, agora as que son de xénero dubidoso xa non se recuperan para un segundo uso.

—As prendas adquiridas por internet, cuxa práctica é cada vez maior, tamén pasan polo taller?

—Moitas delas si. Son prendas cunha calidade, que ao mellor non é altísima, pero como non hai a posibilidade de probalas antes de mercalas pois moitas acaban na modista para amañalas. O que digo é que non sei se realmente compensa facelo. Entre o que custa a peza e pagar o arranxo da modista...

—Nace Silleda Fai, unha iniciativa do concello que hoxe celebra a súa primeira edición. Que lle parece este tipo de iniciativas?

—Boa e necesaria. Aínda que a nivel municipal penso que nos coñecemos todos, ou case todos, sempre é importante xuntarse, conversar, intercambiar opinións e dar a coñecer o que facemos. De feito vou aproveitar para ás 12 deste mediodía mostrar un traxe rexional de muller, que levará a miña filla, e explicar en directo cales son as diferentes pezas e a súa elaboración. Tamén contarei con algunhas pezas para a venda como camisas, pololos, enaguas e cirolas.

«Teño clientas de Burela, Rianxo e Ourense que veñen mercar traxes rexionais»

A falta de profesionais da confección déixase sentir, comenta Fátima Fernández, na procedencia de boa parte da súa clientela. «É certo que traballo para xente do municipio, e tamén da comarca, pero conto con clientas que veñen desde Burela, Rianxo ou Ourense na procura de que lles faga traxes tradicionais. Non encontran modistas na súa zona». O encargo de traxes tradicionais sumado ao elevado número de eventos rexistrados na pasada primavera-verán deixaron pouco descanso a Fátima. «Foi unha boa tempada. Traballei moito, e mesmo o ritmo de traballo subiu sensiblemente desde a pandemia».

Fátima Fernández non escatima sorrisos ao falar da súa profesión, e transmite a satisfacción que lle reporta crear por exemplo as Maruxiñas e o Xan; unhas pequenas bonecas que están tendo tanto éxito que mesmo é difícil facerse cunha peza. «Inicialmente naceron para decorar a árbore de Nadal»; conta, pero finalmente acaban onde o cliente as queira colocar. Algunhas destas bonequiñas recheas de trigo e lavanda estarán hoxe no Silleda Fai, pero non así o Xan; a versión masculina de Maruxiña que acaba colgado no rouco das gaitas, e que se esgota tan pronto lle dá vida a modista silledense.

Aínda que cos apuros propios de calquera autónomo, a empresaria mira o horizonte con esperanza e agradecida polo volume de traballo que está tendo e pola xentileza da clientela. «Agradécenme moito que lles cosa as prendas que queren, e non deixan de reiterar que non hai quen o faga. Logo ser autónomo non é fácil, pero tamén imos adaptando o noso horario ao que máis non convén. Podemos estruturar a xornada laboral da maneira que mellor nos veña. Penso que iso é o máis positivo», opina Fátima Fernández.